Coa participación da experta Katarzyna Paszkiewicz, autora do vídeo-ensaio Stray Visuality
Xornada de sensibilización en Filoloxía e Tradución sobre a representación das nenas e as mozas no cine
Actividade organizada desde o grupo BiFeGa e cofinanciada pola Unidade de Igualdade
Sensibilizar á comunidade universitaria e ao público en xeral sobre a importancia da revisión das representacións culturais sobre cuestións de xénero, centrándose especificamente, no caso das nenas e as mozas. A Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este martes a II Xornada de sensibilización Girlhood Rising: representación das nenas e mozas nas narrativas audiovisuais contemporáneas, unha actividade organizada desde o grupo BiFeGa e cofinanciada pola Unidade de Igualdade.
“Centrámonos nas nenas e as mozas porque estas teñen unha repercusión directa nos modelos socioculturais que se constrúen e nos valores -moitas veces estereotipos limitantes- que se transmiten dende a cultura audiovisual”, explican María Platas e Aida Rosende, organizadoras da xornada, investigadoras do Feminario de investigación da Universidade de Vigo.
Coa participación da experta internacional Katarzyna Paszkiewicz
Nesta ocasión a conferencia plenaria, centrada nos ritmos afectivos da infancia no cine, correu a cargo de Katarzyna Paszkiewicz , profesora da Universitat de les Illes Balears, especialista internacional en estudos fílmicos e narrativa audiovisual en xeral, “cun traballo moi innovador, punteiro e desafiante dende un punto crítico e teórico”, explicaron na súa presentación as investigadoras da UVigo. Referíndose a Paszkiewicz como “unha brillante investigadora e fantástica comunicadora de contidos de gran complexidade teórica”, Platas e Rosende fixeron fincapé na capacidade desta docente para divulgar “de xeito sinxelo e fluído” asuntos moi complexos na teoría fílmica, tanto a un público académico e achegado aos seus enfoques, coma a públicos máis amplos e a priori menos familiarizados ou versados sobre estas temáticas.
En relación tamén co seu carácter divulgador, a visita a Vigo da profesora Paszkiewicz incluíu onte luns a proxección do vídeo-ensaio Stray Visuality, da súa propia produción e autoría, no que a autora se pregunta sobre o potencial do cine para desestabilizar as dicotomías fundacionais do Antropoceno e cultivar o que a autora denomina “visualidades des-antropocéntricas”. Ademais da proxección tivo tamén lugar unha charla-coloquio coa autora na que se abordaron diferentes cuestións, non só sobre a representación da violencia inflixida sobre os distintos seres do planeta, senón tamén sobre como articular e circular novas imaxes que poden ter un papel crucial na creación dunha sociedade máis sostible.
Mesa redonda e debate con especialistas
Tras a conferencia inaugural tivo lugar unha mesa redonda e debate coa participación de diferentes especialistas, na que se trataron cuestións como a representación da mocidade surasiática na televisión norteamericana, a representación de lesbianas adolescentes no cine irlandés ou coidados e estruturas familiares no filme Rain (2008), unha visión alternativa sobre a infancia das nenas no Caribe.