Coordinada por Anna Amorós, desenvólvese este mércores na Facultade de Comunicación
Unha xornada dá voz á silenciada realidade das mulleres e nenas afgás
Complementada por unha exposición bibliográfica e pictórica na biblioteca do campus
Unha exposición bibliográfica e pictórica na Biblioteca Central do Campus de Pontevedra, conferencias e mesas de debate e a presentación do documental Gorrións entre tulipáns conforman o programa da xornada Afganistán, ser muller no mundo talibán, que este mércores se desenvolve na Facultade de Comunicación. Coordinada pola profesora Anna Amorós e promovida coa colaboración da biblioteca e o apoio da Unidade de Igualdade da UVigo, esta actividade busca pór o foco na realidade que atravesan as mulleres e nenas afgás desde a chegada ao poder dos talibáns en 2021.
Baixo este réxime, Afganistán converteuse no único país do mundo que prohibe completamente a educación secundaria e superior ás mulleres, ao que se suma a prohibición de traballar fóra do fogar, de viaxar sen a compañía dun varón ou un estrito código de vestimenta, que obrígaas a estar cubertas da cabeza aos pés, segundo denuncia Amnistía Internacional. De aí que Amorós poña de relevo que o obxectivo desta xornada, enmarcada na conmemoración do Día Internacional da Muller, é “sensibilizar en materia de xénero e non esquecer a situación que están padecendo as mulleres e nenas en Afganistán” baixo o goberno talibán que, denuncia, aprobou unha “lei para a propagación da virtude e a prevención do vicio, na que obrígase non só ao uso do burka, senón que tamén se condena o uso da voz da muller en público”.
‘Gorrións entre tulipáns’
Ofrecer unha “radiografía da situación que viven as mulleres e nenas en Afganistán” é tamén o propósito de Gorrións entre tulipáns. Soños rotos detrás do burka, un documental dirixido por Amorós e que se estrea en Pontevedra no marco desta xornada. Con guión desta docente e de Olga Fontán, directora do Servizo de Medios Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), este filme presenta os testemuños da refuxiada afgá Rahila Raya, xunto coas achegas de expertos e expertas. Trátase, como sinala Amorós, dunha “historia de relatos narrados a modo de pinceladas, que contextualizan sucesos recentes en Afganistán” e que, desde unha perspectiva de xénero, propón “unha mirada poliédrica” á súa historia, co propósito de “comprender a súa situación actual” e xerar un retrato dun país no que, denuncia, “comeza a habitar o esquecemento”.
Con ese obxectivo o documental contou coas achegas dos investigadores José Carlos Bermejo, Mar Llinares e Óscar Parcero e do avogado Gonzalo Sáez, da asociación Arraianas; así como coa banda sonora composta por Nuria Gómez e Adela Rial e as ilustracións de Edurne Lesta.
Exposición na biblioteca
As seis ilustracións que esta artista realizou para o filme forman parte da exposición que ata o 31 de marzo poderá visitarse na biblioteca do campus, cuxa inauguración deu inicio a esta xornada. Nesta iniciativa insírese unha mostra bibliográfica sobre a situación da muller en diferentes conflitos armados. Como explican Ana Quiroga e Marta Gutiérrez, directora e subdirectora da biblioteca, esta mostra reúne unha selección de libros centrados en Afganistán, como La hija del visir, unha novela traducida ao castelán por Llinares e Raya, e volumes centrados en conflitos bélicos en diferentes partes do mundo, xunto cuns códigos QR que permiten acceder a un conxunto de documentos dixitais sobre esta temática.
A mostra complétase á súa vez con Afganistán, o cárcere azul, que reúne as seis acuarelas realizadas por Lesta, presentadas neste acto pola profesora da Facultade de Belas Artes Sol Alonso. “O valor das obras expostas xorde se pensamos que son froito dun proceso afectivo cuxa esencia é a solidariedade”, sinalou a docente dunhas pinturas xurdidas da recreación que a súa autora fixo “dos recordos luminosos e cheos de vida” de Raya, “unha refuxiada afgá á que roubáronllos, como a todas as mulleres do seu país”, de tal xeito que, agora, estes recordos “conviven na súa mente con pesadelos vividos na vida real polo simple feito de ser muller nun país gobernado por talibáns”.
“Reflexión e reacción”
Tras a inauguración, a actividade continuou coa conferencia A honra dos homes, a dor das mulleres, de Llinares, historiadora que foi presentada pola catedrática Aurora García, quen lembrou que o obxectivo desta xornada é promover “unha reflexión e reacción” ante a situación que están a vivir as mulleres afgás. A continuación tivo lugar un coloquio sobre o tratamento informativo do que está a acontecer neste país, protagonizado por estudantado de Publicidade e Relacións Públicas. Xa pola tarde, a actividade continúa coa mesa Sensibilización contra a violencia de xénero, na que participan as profesoras Silvia Alende e Talía Rodríguez xunto a Amorós, e cunha conferencia sobre o papel dos medios de comunicación de María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, quen será presentada pola profesora Susana Domínguez.