DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nelas farase unha análise crítica dos discursos machistas

Unhas xornadas abordarán como empregar as narrativas feministas para deconstruír o patriarcado nos medios de comunicación masivos

A actividade celebrarase este mércores na Facultade de Educación e Traballo Social

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 12/05/2025

Analizar criticamente como os medios de comunicación ‘mainstream’ (os máis populares ou dominantes) reproducen e perpetúan discursos patriarcais, así como identificar estratexias feministas para desafialos e transformalos. Este será o obxectivo dunhas xornadas que se celebrarán o mércores 14 de maio pola tarde na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.

A xornada Narrativas feministas: deconstruíndo o patriarcado nos medios mainstream, esta organizada por Yolanda García, profesora da citada Facultade de Educación e Traballo Social e membro do Grupo de Investigación Saúde, Sexualidade e Xénero. Ademais, está apoiada por Sandra Lorenzo (traballadora social, activista feminista e integrante do grupo Feminismos do Colexio Oficial de Traballo Social, que ten traballado nunha rede de mulleres veciñais contra os malos tratos atendendo a mulleres en situación de violencia de xénero) e por Victoria Reinoso (tamén traballadora social que ten participado en El Salvador nun proxecto de abordaxe e prevención das violencias sexuais e dereitos reprodutivos). A iniciativa ten financiamento da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, participando a súa directora, Yolanda Rodríguez, na apertura da xornada.

Da teoría á práctica

A programación, que se desenvolverá no salón de graos do Edificio de Ferro, arrancará cunha conferencia titulada O viés patriarcal nos medios de comunicación, a cargo de Charo Lopes, xornalista especializada en proxectos culturais con perspectiva feminista, licenciada en Xornalismo e cun Mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade. Seguiralle a actividade central da xornada, un obradoiro-taller de narrativas feministas. “Este obradoiro busca xerar un espazo de reflexión crítica para que o alumnado universitario analice e sexa consciente de como os medios representan a imaxe feminina, así como a violencia machista e todos os fenómenos que xiran arredor dela, tales como a violencia institucional, o movemento feminista e as respostas patriarcais”, afirma a súa responsable.

Ao longo da sesión, as persoas asistentes analizarán “como os medios contribúen á creación e perpetuación de discursos patriarcais”. Para iso, a actividade adoptará “un enfoque participativo, de coidados e feminista, promovendo a revisión crítica individual e o debate colectivo sobre as realidades cotiás que aparecen nos contidos 'mainstream' e que consumimos diariamente”. A sesión distingue tres actividades, unha primeira de achegamento á violencia e feminismo nos medios de comunicación; unha segunda de debate sobre como desafiar os discursos machistas e a creación dun tweet/post feminista e unha terceira que consiste nunha acción colectiva titulada Manifesto feminista universitario.

Sen inscrición previa, a actividade, de balde, está especialmente dirixida á participación de alumnado dos diferentes graos que se imparten na Facultade de Educación e Traballo Social (Educación Social, Traballo Social, Educación Infantil e Educación Primaria) pero tamén está aberto ao alumnado doutros graos e demais persoas interesadas na temática proposta.