DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terán lugar de xeito virtual os días 16 e 17 de decembro

Unhas xornadas afondarán no financiamento europeo para o período 2021-2027

O persoal investigador poderá coñecer como mellorar as súas propostas aos programas da UE

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 03/12/2020

Os días 16 e 17 de decembro celebrarase, de xeito virtual debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, unhas Xornadas Técnicas sobre Financiamento Europeo 2021-2027. Trátase dunha iniciativa promovida polo Campus Auga, proxecto de especialización do campus de Ourense, e coordinada pola Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo. Nela, as e os investigadores interesados poderán coñecer as características deste financiamento e dos seus programas e tamén como mellorar as propostas que poidan presentar a eles.

“As xornadas informarán sobre as novidades que supón o novo período de programación europea 2021-2027 no que a programas de financiamento público se refire”, indican desde a organización. A actividade será impartida pola empresa Econet, que segundo explican é unha “consultaría independente líder en Europa”, especializada na transferencia de tecnoloxía e a dinamización de proxectos de I+D cunha longa experiencia no segmento do financiamento público europeo durante os últimos 25 anos.

O mércores 16 de decembro, as e os asistentes coñecerán a actualidade sobre o orzamento europeo e a política europea de cohesión para o período 2021-2027 e abordarán os programas de xestión directa máis relevantes da cara á investigación, como Horizon Europe, Digital Europe Programme, Connecting Europe Facility (CEF, Transporte, Enerxía e Comunicacións) e Innovation Fund. O xoves 17 continuarase coa exposición sobre a actualidade dos programas de xestión directa, como Life, e dedicarase o último bloque á formación para a elaboración e mellora de propostas. “Nesta sección coñeceremos, entre outras, as características e enfoque dos proxectos europeos, terminoloxía, tecnicismos, planificación, recomendacións, recursos e apoios existentes para a elaboración de propostas”, apuntan desde a organización da actividade.

No marco destas xornada, adicionalmente as e os investigadores do campus de Ourense poden solicitar asesoría para propostas en desenvolvemento. Estas sesións serán executadas durante os meses de xaneiro e febreiro de 2021. Dado que as horas de asesoría dispoñibles son limitadas, sinalan desde a organización da cita, distribuiranse segundo a demanda. Os criterios serán comunicados a todos os grupos solicitantes.