DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizadas pola Escola Universitaria de Enfermaría co apoio do Campus Auga

Unhas xornadas afondarán na investigación no eido do termalismo

A actividade terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel o 19 e 26 de marzo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 18/03/2025

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollerá os días 19 e 26 de marzo a celebración das I Xornadas sobre termalismo: auga, saúde e coñecemento. Ao longo das dúas sesións, especialistas de diferentes áreas exporán as súas investigacións e traballos arredor do potencial das augas termais, abranguendo desde a súa consideración xurídica e potencial turístico ata as súas aplicacións en saúde, benestar e gastronomía.

A cita está organizada desde a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, centro adscrito á UVigo, co apoio do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia que ten o termalismo entre os seus eixes de traballo. Concretamente, o comité organizador das xornadas está formado polas profesoras da citada escola Mª Reyes Pérez, Mª Milagros Fernández e Natalia Olida Fariñas. A actividade está dirixida tanto a público especializado no eido do termalismo e a saúde como a público xeral.

Dous días de actividade

A inuaguración terá lugar este mércores, ás 16.30 h, coa participación de Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Mª Milagros Fernández, directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, e María José Menor, presidenta do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense. A programación arrancará cunha intervención sobre o papel dos factores xeográficos, neste caso as augas, no nacemento de Ourense, a cargo de Xosé Somoza, da Universidad de León. Seguiralle unha intervención de Montserrat Cruz, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus, na que abordará se a cidade de Ourense está preparada ou non para ser destino termal. Pola súa banda, desde a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, Natalia Fariñas analizará as claves xurídicas do termalismo (dos balnearios e termas) en Galicia e Mª Reyes Pérez falará sobre A saúde polas termas na capital termal.

Xa o mércores 26, desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, a catedrática Herminia Domínguez falará dos produtos para a pel elaborados con auga termal e a profesora Sidonia Martínez, xunto a Miguel González (do Restaurante Miguel González) sobre proxectos desenvolvidos en conxunto sobre gastronomía, saúde e auga termal. Nesta segunda sesión tamén haberá intervencións sobre a auga das Burgas na dermatite atópica e na psoriase, a cargo de Cristina Barral, do Servicio de Atención Primaria de Vilanova (Pontevedra), e sobre un proxecto de investigación sobre o baño termal como prevención de síntomas ansiosos depresivos en estudantes de Enfermaría, de Lucía de Luis Cid, Clara Sobrino e E. Abigail González. Ao remate de cada un dos dous días de programación haberá unha mesa redonda como espazo para o intercambio de ideas.