DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enmarcadas no proxecto ‘Interaccións artística en Galicia’, terán lugar o 23 e 24 de setembro

Unhas xornadas buscan dar visibilidade ás iniciativas que conectan didáctica e artes 

A través de conferencias, talleres e mesas de debate 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 13/09/2022

Polas súas propias metodoloxías de traballo e pola súa capacidade para integrar diferentes linguaxes e disciplinas, son múltiples as posibilidades que as artes poden achegar aos proxectos educativos. Esta idea constitúe o punto de partida en torno ao que se articulan as III Xornadas de didáctica das artes na Galicia de hoxe: crear para ensinar, que se desenvolverán os días 23 e 24 de setembro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Coordinadas polas profesoras da Área de Expresión Plástica e Visual Iciar Ezquieta e Begoña Paz, trátase dunhas xornadas enmarcadas co proxecto Interaccións artísticas en Galicia, impulsado, ao abeiro dun convenio de colaboración, polas tres universidades galegas, os conservatorios superiores de música de Vigo e A Coruña e a Real Academia Galega de Belas Artes. Con inscrición gratuíta ata cubrir as súas prazas, o encontro reúne no seu programa unha serie de conferencias, mesas de debate e obradoiros que poñen o foco na educación e transmisión das artes e no seu potencial didáctico. 

“A idea destas xornadas foi sempre a de que fosen un espazo de reflexión sobre o que está sucedendo en Galicia en torno á arte e a educación, no que coñecer as prácticas e experiencias que se están desenvolvendo”, sinalan as coordinadoras deste encontro, que busca tamén ampliar os coñecementos de educadores e educadoras nun ámbito “fundamental no desenvolvemento das persoas”, como lembra Paz. Os museos e exposicións como recursos didácticos, a educación musical, a formación docente ou experiencias levadas a cabo “en distintos contextos tanto do ensino formal, como do non formal”, apunta Paz, forman parte dos contidos dun encontro que se presenta como “un espazo aberto e interdisciplinar”: 

Do debate ás experiencias 

Coordinada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, a terceira edición de Interaccións artísticas en Galicia comprendeu previamente o encontro-residencia de creadores emerxentes que a finais de xuño tivo lugar no Pazo de Mariñán, en Bergondo, coa participación de preto dunha trintena de estudantes das diferentes institucións implicadas. Parte deles encargaranse, na primeira mesa destas xornadas, de dar a coñecer os resultados deste encontro, coordinado polos profesores de Belas Artes Anne Heyvaert e Ignacio Barcia e no que realizaron intervencións artísticas que combinaban diferentes disciplinas. 

Farano na tarde do venres 23, na que tamén terán lugar os dous primeiros obradoiros inseridos no programa deste encontro e que se definen polo seu “carácter experimental”, como sinala Ezquieta, que explica que a proposta trasladada aos profesionais participantes foi a de que, “partindo dos seus proxectos persoais, xerasen experiencias vinculadas co tema da luz”, que foi este ano o eixo temático dos encontros de Mariñán. Así o farán nesta primeira xornada a profesora de Belas Artes Lucía Romaní e a arquitecta e educadora Mar Penela, responsables, respectivamente, dun taller sobre expresión plástica e doutro que conectará “arquitectura, arte e espazo”. Xa o sábado, terán lugar dous novos obradoiros, un de expresión musical, a cargo da catedrática de Pedagoxía do conservatorio da Coruña Adriana G. García, e outro de expresión plástica, da man da profesora da Universidad de Oviedo Andrea Rubio.

Esta docente impartirá tamén o sábado unha conferencia centrada no seu proxecto de educación e arte contemporánea Lainopia. Esta segunda xornada abrirase cun relatorio de Begoña Paz sobre a exposición como recurso didáctico, continuada por unha mesa sobre o potencial educativo dos museos, que contará coas intervencións de Sabela Santos, responsable do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra; Cristian Gradín, profesor de expresión plástica da UVigo; Carmen Quinteiro, mestra do CEIP A Xunqueira I, e África Martínez, arquitecta e xestora cultural en Taller Abierto. Xa pola tarde, terá lugar a mesa redonda Reflexos da música na educación, na que participan a docente da Universidade da Coruña Rocío Chao, Adriana G. García e a profesora do conservatorio de Vigo Ana Franqueira. Finalmente, as xornadas pecharanse tamén con música, cunha actuación dun “proxecto de educación musical con nenos e nenas”, a Orquestra Filharmónica Infantil Cidade de Pontevedra.

De xeito paralelo, ao longo das xornadas irase desenvolvendo unha “intervención expositiva e avaliativa”, na que buscarán que “as opinións, inquedanzas e experiencias” das e os participantes, como apunta Ezquieta, poidan ir sumándose “a algo físico que nos axude a trasladar esas ideas e que irá construíndose en base á proposta artística” que esta docente desenvolve xunto coa profesora de Belas Artes Covadonga Barreiro.