Organizadas no campus pola Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense
Unhas xornadas porán en valor a investigación no eido termal
Contará con dúas sesións, unha o día 18 e outra o 25
O edificio Politécnico do campus de Ourense acollerá os días 18 e 25 de marzo a celebración das II Xornadas sobre Termalismo: Auga, Saúde e Coñecemento. Nelas, especialistas de diferentes áreas exporán as súas investigacións e traballos arredor desta temática.
O comité organizador da cita está formado por profesorado da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, centro adscrito á UVigo, estando Mª Reyes Pérez, Mª Milagros Fernández (directora da escola), Natalia Ólida Fariñas e Miriam Vázquez. Na presentación, Mª Milagros Fernández salientou destas xornadas o seu achegamento multidisciplinar, xa que nelas se aborda o termalismo desde diferentes disciplinas, desde a enfermaría e as ciencias ata a historia e a antropoloxía. Do mesmo xeito, Mª Reyes Pérez destacou a importancia de, con iniciativas coma esta, pór en valor e dar a coñecer a investigación que se realiza tanto no eido do termalismo como concretamente desde a Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense. Na súa intervención amosaron o desexo de repetir ou superar o éxito da primeira edición das xornadas, á que asistiron arredor de 200 persoas.
Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou nesta presentación a importancia da temática abordada nas xornadas, tendo en conta que o termalismo é unha das tres liñas de especialización do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia.
Da física á saúde
O primeiro día de actividade, o 18, haberá conferencias sobre a Física da auga quente, fría e subenfriada, a cargo de Claudio Cerdeiriña (Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo); sobre o termalismo no proceso do envellecemento saudable, a cargo de Miriam Vázquez, e sobre antropoloxía social dos espazos termais de Ourense, con Fátima Braña (Facultade de Educación e Traballo Social). Seguiranlle intervencións de Silvia González, da Facultade de Filosofía e Letras da Universidad Complutense de Madrid, sobre o termalismo romano da provincia de Ourense no contexto do Imperio Romano; e de Xosé Carballido, exdirector xeral de Termalismo-Concello de Ourense, sobre o papel do concello como peza clave no desenvolvemento do termalismo en Ourense.
O segundo día, o 25 de marzo comezará cunha conferencia titulada Ulvanos e auga termal das Burgas, a cargo de Mª Dolores Torres (Facultade de Ciencias) e Mª Milagros Fernández. Seguiranlle outras sobre o impacto da balneoterapia no abordaxe farmacolóxico da fibromialxia, a cargo de Natalia Calvo (Facultade de Enfermería de Ponferrada) e sobre acne e auga termal das Burgas, de Nerea Dorado (Escola Universitaria de Enfermería de Ourense). A programación rematará coa presentación de dous proxectos elaborados por alumnado da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense de cuarto curso, un sobre o benestar termal como aliado da dermatite atópica, de Sara Darriba, Laura González e Gabriela Pérez, e outro sobre o efecto da auga mineromedicinal nos hábitos do sono, de Alba Ferreiro, Laura López, Noelia Franco e Ico Tejera. As dúas sesións rematarán cunha mesa redonda e nas xornadas tamén se dará a coñecer o libro electrónico de actas da anterior edición.
Inscrición
A inscrición, de balde, está aberta dende o 2 ata o 17 de marzo de 2026 e ata cubrir aforo. Para garantir unha axeitada organización e o recoñecemento da asistencia, hai dúas modalidades de inscrición diferenciadas, unha para profesionais sanitarios (actividade baremable para as listas de contratación do Sergas, suxeita aos criterios de avaliación da Comisión de Formación Continuada) e outra para o demais público interesado.
