DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi reelixido decano con 26 votos a favor, 12 en contra e tres abstencións

Xosé Manuel Buxán continuará tres anos máis á fronte da Facultade de Belas Artes

Xunto a un renovado equipo, que traballará nun novo plan de estudos para o grao

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/03/2023

O profesor do Departamento de Escultura Xosé Manuel Buxán continuará tres anos máis á fronte do Decanato de Belas Artes, despois de que a súa candidatura recibise este xoves o respaldo da Xunta de Facultade. A candidatura que encabezaba o actual decano en funcións, a única presentada no proceso electoral aberto na facultade, recibiu 26 votos a favor e 12 en contra, aos que se sumaron tres votos en branco e un nulo. No seu segundo mandato, Buxán Bran encabeza un equipo que completan os docentes María José Fariña, Araceli Liste, José Antonio Castro e Ignacio Pérez-Jofre. Entre os seus obxectivos para os próximos tres anos, destacan, atópanse consensuar un novo plan de estudos para o Grao en Belas Artes, a reordenación dos espazos da facultade ou tratar de impulsar a creación dun novo mestrado, así como potenciar as actividades culturais e a sinatura de convenios con distintas institucións.

“Os resultados consolidan unha certa normalidade no centro e penso que supoñen un referendo á nosa xestión, a que houbo respostas ás problemáticas da facultade”, sinalou Buxán tras unha votación que se desenvolveu tanto de xeito presencial como telemático. O docente do Departamento de Escultura fora elixido por primeira vez en setembro de 2019 con 26 votos a favor, 24 en contra e dúas abstencións. Tras completar o seu primeiro mandato de tres anos, no que, lembrou, “tivemos que facer fronte á pandemia”, continuou á fronte do centro como decano en funcións ante a necesidade de renovar a representación do alumnado e do Persoal de Administración e Servizos (PAS) na Xunta de Facultade antes de convocar ás eleccións a Decanato. A estas, concorreu cunha “candidatura con espírito renovador”, na que só continúa a profesora Araceli Liste como vicedecana académica. En substitución de Chelo Matesanz, Javier Tudela e Carlos Tejo, dos que destacou o seu “extraordinario traballo”, o novo equipo incorpora os docentes José Antonio Castro e Ignacio-Pérez Jofre, como vicedecanos de Internacional e de Cultura e Alumnado, respectivamente, e a profesora María José Fariña como secretaria académica.

Impulso a un novo plan de estudos

Na presentación da súa candidatura, Buxán debullou os diferentes obxectivos cos que encaran este segundo mandato, entre os que se atopa dar “un impulso decisivo” a un novo plan de estudos do grao, “coas achegas e o consenso de todo o profesorado do centro e co apoio do alumnado”. Con ese obxectivo, lembrou, na súa primeira etapa á fronte do centro púxose en marcha unha comisión delegada, “que traballou de xeito intenso” na elaboración dese novo plan. Agora, “tras o que semella o próximo inicio no curso 2023/2024” da actividade na nova Facultade de Deseño, subliñou, “faise máis perentorio concluír os traballos da comisión”, de tal xeito esta modificación “defina a nosa razón de ser e o noso espazo concreto de coñecemento no contexto das facultades do campus de Pontevedra e da Universidade de Vigo”.

Esta modificación levará á súa vez aparellada unha reordenación dos espazos da facultade, engadiu o reelixido decano, que defendeu que “precisamos unha revisión na súa totalidade dos espazos docentes”. Con ese propósito, anunciou, “porase en marcha de xeito inmediato unha comisión delegada da Xunta da Facultade”, que conte con representación de profesorado, PAS e alumnado e que “estudará a adecuación dos espazos docentes ás prácticas didácticas das distintas materias”. 

Outro dos aspectos nos que incidiu na súa intervención foi en que o Decanato levará a cabo “unha promoción activa” para contribuír á creación dun novo mestrado no centro. “Ten que ser o impulso do propio PDI o que desenvolva esa faceta”, apuntou Buxán, que destacou a importancia que terá a implicación do profesorado na posta en marcha dun futuro posgrao.

Potenciar a colaboración coas institucións culturais e artísticas

“O prestixio cultural da nosa facultade é indubidable”, salientou Buxán, que destacou que outro dos propósitos do novo equipo será tratar de “continuar e mesmo ampliar esa estela”, que “vén de antes de chegar nós ao Decanato”. Este prestixio tería contribuído, lembrou, a iniciativas como que a Fundación MOP, pensase “en Belas Artes como destinataria do seu apoio ao estudantado”, a través do proxecto Future Stories. Nesta liña, Buxán sinalou como obxectivos a futuro tratar de potenciar as actividades culturais e a sinatura de convenios “con distintas institucións que posibiliten a achega económica necesaria para a realización de eventos comúns”, á vez que promover tamén acordos con museos, centros de arte, estudos de artistas ou editoriais especializadas coa idea de “estender as prácticas externas” do alumnado.

No referido ao estudantado, sinalou tamén os propósitos de tratar de acrecentar a súa mobilidade e de apoiar “as iniciativas da delegación de alumnado co fin de ampliar a oferta de obradoiros, cursos e eventos culturais”, promovidos polos propios estudantes. Por outra banda, entre os obxectivos desta nova etapa atópanse tamén, sinalou, a necesidade de abordar cos órganos de goberno da Universidade “unha política real de consolidación das prazas docentes” e a potenciación "dunha política de calidade baseada no consenso e o diálogo entre todos os estamentos da facultade”.