DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O actual responsable en funcións da facultade optará á reelección o vindeiro xoves 16

Xosé Manuel Buxán, único candidato ao Decanato de Belas Artes

Á fronte dun equipo renovado e coa modificación do plan de estudos do grao como principal reto

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Democracia
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/03/2023

A Facultade de Belas Artes celebrará o vindeiro xoves 16 eleccións a Decanato e farao co profesor Xosé Manuel Buxán, que permanece á fronte do centro desde setembro de 2019, como único candidato. O actual decano en funcións encabeza a única candidatura presentada no proceso electoral aberto no mes de febreiro na facultade e na que se sitúa á fronte dun equipo renovado, do que forman parte os docentes María José Fariña, José Castro e Ignacio Pérez-Jofre e Araceli Liste. Despois de que este martes tivese lugar a proclamación definitiva da súa candidatura, o vindeiro xoves 16 terá lugar a votación, nunha Xunta de Facultade na que Buxán optará a continuar tres anos máis á fronte do centro, co obxectivo “de intentar concluír nun segundo mandato cuestións que aínda temos pendentes, como é consensuar un novo plan de estudos” do Grao en Belas Artes.

Profesor do Departamento de Escultura, Buxán Bran foi elixido decano de Belas Artes en setembro de 2019, nunha votación na que a súa candidatura obtivo 26 votos favorables, 24 en contra e dúas abstencións. Rematado o período de tres anos á fronte da facultade, foi nomeado decano en funcións, explica, ante a necesidade de renovar a representación de alumnado e Persoal de Administración e Servizos (PAS) na Xunta de Facultade antes de convocar as eleccións a Decanato. Este último procedemento púxose en marcha o pasado 6 de febreiro coa constitución da Xunta Electoral, tras a que seguiu a publicación dos censos e a proclamación da candidatura que finalmente concorrerá a unha votación á que están chamados os 37 membros do persoal docente e investigador, seis estudantes e sete representantes do PAS que integran esta xunta.

Renovar o plan de estudos e “reordenar os espazos”

O candidato á reelección salienta “consensuar” o cambio do plan de estudos do grao como a principal tarefa que “vemos necesario acabar de pechar” nun segundo mandato, despois de que “ao longo destes tres anos unha comisión traballase moito e con profundidade” na súa renovación. Esta modificación, explica, leva á súa vez aparellado unha segunda “necesidade”, a de acometer un “reordenamento dos espazos” da facultade. “Creo que é necesario que conclúamos o traballo iniciado”, conclúe o decano en funcións, que sinala como outro dos ámbitos nos que continuar traballando, o de seguir “posicionando a facultade no contexto artístico e cultural galego”.

De obter o apoio da Xunta de Facultade, Buxán encararía un segundo mandato cun equipo renovado, no que só continuaría Araceli Liste, “que se incorporou máis tarde, como vicedecana académica a un equipo”, que completaban Javier Tudela, Carlos Tejo e Chelo Matesanz. No seu lugar, a candidatura incorpora ao profesor do Departamento de Debuxo José Castro como vicedecano de Relacións Internacionais, ao docente do Departamento de Pintura Ignacio Pérez-Jofre como vicedecano de Cultura e Estudantes, e á profesora asociada do Departamento de Escultura María José Fariña como secretaria académica. “Que o profesorado se comprometa e vexan a posibilidade de continuar co traballo é algo a destacar”, recoñece Buxán. 

Balance de tres anos

Do seu primeiro período á fronte do centro, Buxán destaca "o labor realizado polos membros do equipo, Chelo Matesanza, Javier Tudela e Carlos Tejo, que traballaron arreo e que fixeron posible un dos aspectos máis positivos que foi ter conectado coas demandas socioculturais” e contribuído que Belas Artes tivese unha “presenza continuada” no contexto artístico galego. Neste ámbito, Buxán pon de relevo iniciativas “como o feito de que contasen con nós para o proxecto Future Stories”, desenvolvido coa Fundación MOP (unha iniciativa cultural de Marta Ortega Pérez), que outorgou dez bolsas ao alumnado para o desenvolvemento de proxectos artísticos a partir dos seus traballos de fin de grao e que se completou cunha exposición no Marco de Vigo.

Desta etapa, Buxán destaca tamén o traballo, aínda non completado, da comisión responsable da renovación do plan de estudos, “xa que creo que todo o feito ata o de agora é moi positivo”. Igualmente, o candidato á reelección salienta o labor realizado para promover no centro “un espírito de colaboración e convivencia académica”, á vez que recoñece, no lado “negativo”, que “aínda sigamos na indefinición sobre Deseño, que é algo que pode xerar certa inquedanza no devir futuro da facultade”, á espera de que a nova titulación complete o seu proceso de verificación e poida pórse en marcha o vindeiro curso na Facultade de Deseño.