DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun protocolo dirixido a desenvolver un plan de reforzo os próximos dous anos

A Xunta destinará preto de dous millóns de euros ao impulso do Campus Crea

Co obxectivo de que acade a acreditación como campus de especialización do SUG 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/04/2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a Universidade de Vigo asinaron este xoves o protocolo xeral de actuación para o desenvolvemento dun plan de reforzo do Campus Crea, que contempla destinar preto de dous millóns de euros ao impulso do proxecto de especialización do campus pontevedrés. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, rubricaron na sede da Vicerreitoría un acordo que contempla a sinatura dun convenio específico, dirixido a financiar un plan de mellora para o período 2026-2028. Este abranguerá un conxunto de medidas orientadas a que o proxecto poida afrontar o proceso de acreditación para acadar o recoñecemento como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Centradas principalmente no eido da investigación, entre as accións propostas figura o desenvolvemento dun instituto de investigación no ámbito da creatividade, así como a captación de talento de excelencia.

Tras a sinatura deste protocolo, o reitor da UVigo salientou a importancia dun financiamento que, “aínda que vaia directamente para o campus de especialización, servirá a todo o campus”, posto que contribuirá a “ter máis talento e máis proxectos de investigación”. Reigosa louvou a aposta do Goberno galego pola especialización dos campus, que contribúe “a conseguir que as liñas de investigación sexan potentes nas sete cidades galegas”. Nese senso, definiu este financiamento como “unha oportunidade de país”, que permitirá facer que Pontevedra conte cun “campus de primeiro nivel”, capaz de “competir cos mellores”. 

Potenciar a investigación e "seguir consolidando a oferta formativa do campus

Román Rodríguez, pola súa banda, lembrou que o impulso dos campus de especialización é “unha estratexia impulsada inicialmente no conxunto de España pola Xunta de Galicia” e que no caso do Campus Crea “é necesario comezar a desenvolver accións” dirixidas á súa “consolidación”. Con ese obxectivo, o Goberno galego destinará ao longo dos próximos dous anos preto de dous millóns de euros ao impulso dunha serie de “accións vencelladas ao fomento das liñas estratéxicas” do Campus Crea. O conselleiro explicou que “unha gran porcentaxe” deste financiamento irá dirixida “a fomentar a investigación e captación de investigadores”, así como a “impulsar un instituto orientado ao fomento da creatividade”, recalcando que esta constitúe “un valor fundamental para asegurar a competitividade da nosa economía”. Tendo en conta ademais que Pontevedra conta con titulacións únicas no SUG, “moitas delas vencelladas ao mundo da creatividade”, outro dos propósitos deste acordo, engadiu, é “seguir consolidando a oferta formativa” da UVigo na cidade, co propósito de convertela "nun referente no ámbito universitario no enorme mundo da creatividade".

Esta sinatura tivo lugar na sede da Vicerreitoría e contou coa asistencia, entre outros, do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, e a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto. 

Reforzar “as capacidades investigadoras do campus”

O convenio proposto articularase en cinco grandes áreas de actuación, dentro das que, segundo recolle o acordo, tería un “claro predominio” o reforzo “das capacidades investigadoras do campus”. Nomeadamente, está previsto destinar máis do 70% do financiamento á investigación, mentres que os restantes fondos irían dirixidos a accións nos eidos da docencia, a transferencia, a transparencia e a gobernanza. 

Nese obxectivo de impulsar a investigación, o acordo recolle o fomento das “actuacións dirixidas á formación e captación de talento”, como o impulso de convocatorias específicas de contratos predoutorais e posdoutorais, “aliñados cos programas de doutoramento vinculados ás liñas estratéxicas do Campus Crea”, que permitan a contratación de dez investigadores e investigadoras. Buscarase, así mesmo, impulsar a captación de “talento investigador de excelencia”, propóndose no documento a incorporación de tres investigadores e investigadoras de alto nivel, do programa Ramón y Cajal ou equivalentes. Ao mesmo tempo, avógase pola definición dun instituto ou centro de investigación, que “actúe como elemento vertebrador e de proxección futura do campus”.

Outro dos obxectivos deste acordo é promover un incremento da captación de financiamento externo en convocatorias competitivas, lembrando nese senso que os 12 grupos adscritos ao Campus Crea acadaron fondos por preto de 670.000 euros no período 2018-2024. 

No referido á docencia, analizarase a implantación en Pontevedra “de novos graos en ámbitos artísticos”, que contribúan á “diferenciación da oferta formativa do Campus Crea”. Por outra banda, en materia de transferencia, impulsarase o desenvolvemento de proxectos con empresas, institucións culturais e entidades sociais, que contribúan ao “reforzo das relacións co tecido produtivo e a cultura, promovendo un incremento do número de contratos e convenios con empresas e entidades vinculadas ao sector da creatividade”, así como a creación de programas de innovación e emprendemento creativo. 

Catro facultades e 17 titulacións

Como recolle o protocolo asinado nesta xornada, este proxecto de especialización ten como obxectivo “conformar un contexto favorable para a investigación e o desenvolvemento creativo, entrelazando as diferentes disciplinas e áreas de coñecemento do ámbito creativo presentes no campus de Ponntevedra coas necesidades sociais”. Campus Crea abrangue nese senso catro liñas de investigación, que conectan a creatividade coa comunicación, o deseño, a arte e a educación. O proxecto integra ás facultades de Belas Artes, Comunicación, Deseño e Ciencias da Educación e do Deporte, así como doce grupos de investigación. No seu conxunto, abrangue 17 titulacións de grao, mestrado e doutoramento, nas que se forman preto de 2000 alumnos e alumnas cada ano, o que supón preto do 64% das persoas matriculadas no conxunto do campus.