DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo foi un dos socios desta iniciativa recoñecida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria

A Xunta distingue o proxecto Biofore Plus pola súa busca de novos usos da biomasa forestal residual

Entre outros, a xeración de ‘biochar’ para reducir as emisións das explotacións gandeiras

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/05/2023

Explorar diferentes vías para dotar dun maior valor á biomasa forestal procedente de masas arbóreas sen valor comercial era o obxectivo do grupo de innovación Biofore Plus, do que formou parte da Escola de Enxeñaría Forestal e cuxos traballos veñen de ser recoñecidos pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), da Xunta de Galicia. José Luis Cabarcos, director deste organismo dependente da Consellería do Medio Rural, visitou este luns o centro do campus pontevedrés para facer entrega aos seus diferentes socios da mención especial outorgada a este proxecto, coordinado pola empresa Sinergias Sostenibles Resiforest, no III Foro de innovación produtiva do sector agrario. 

Cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), este grupo de innovación contou coa participación dos investigadores do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas da escola, que traballaron na obtención, con diferentes tipos de biomasa, tanto de carbón vexetal como de biochar. Este último é un produto que debe presentar unha concentración de carbono de cando menos o 50% e que conta con aplicacións enerxéticas, pero que tamén pode ser empregado nas fosas de xurro das explotacións gandeiras, co fin de reducir a emisión de gases contaminantes como o amoníaco, como constatou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), no marco deste proxecto. 

Recoñecemento á utilidade do proxecto para Galicia

Esta idea de “baseándose na economía circular, darlle unha segunda vida aos residuos forestais, para que poidan ter un uso no sector da gandería” foi resaltada por Cabarcos na súa visita á EE Forestal. Estes resultados foron, de feito, un dos factores que levaron a Agacal a outorgar unha mención ao proxecto no foro celebrado hai unhas semanas en Santiago e no que, “de entre todos os proxectos presentados, escolléronse tres que identificamos cunha maior utilidade para Galicia e dos que temos especial interese en que haxa unha transferencia, en que se poida aproveitar toda esa investigación”, salientou o seu director. Nesa mesma liña, o catedrático do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente Luis Ortiz destacou o positivo deste interese polo proxecto, xa que o obxectivo dos investigadores é afondar nesta liña de traballo “e desenvolver produtos como o carbón activo e o bicochar, que poidan empregarse para a recuperación de solos”.

Xunto a Ortiz e Cabarcos, o encontro contou coa participación da coordinadora de Biofore Plus, Érika Martínez; do subidrector de Agacal, Manuel Luaces; do investigador do CIAM Juan Castro; da tamén representante de Resiforest María Escudeiro e dos integrantes do Laboratorio de Enerxías Xiloxeradas Óscar González Prieto e Antonio Vázquez. 

Un percorrido polas diferentes fases do proxecto

Apoiado pola Xunta, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, o grupo Biofore Plus Optimización do aproveitamento da biomasa forestal residual e revalorización do material extraído contou tamén coa participación de Fundación Conde del Valle Salazar, da Universidad Politécnica de Madrid, e das empresas fmC e Greenalia e daba continuidade ao proxecto previo Biofore. O seu obxectivo, en primeiro termo, era probar a eficacia dun cabezal acumulador de biomasa Nisula 285e+ sobre maquinaria habitualmente empregada nos montes galegos, o que motivou que o encontro na EE Forestal se vise precedida por unha visita de campo no concello coruñés de O Pino.

O proxecto centrouse no traballo con tres masas arbóreas sen valor comercial, unha de eucalipto afectada por un incendio, outra de piñeiro que presentaba un crecemento moi reducido e unha terceira ocupada por unha especie invasora como a acacia. Un dos seus propósitos era tratar de dar valor aos produtos obtidos en ámbitos como o enerxético, a través da caracterización realizada nos laboratorios e na planta piloto da EE Forestal. Alén das súas posibilidades neste eido, os investigadores da UVigo comprobaron tamén que é posible xerar biochar con este tipo de biomasa, nunhas probas realizadas cun forno pirolítico de deseño propio, baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado por Ortiz. O resultado foi a xeración dun “produto cunha gran capacidade de absorción”, do que Juan Castro puido constatar as súas posibilidades á hora de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro do xurro xerado nas explotacións gandeiras.