DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da programación de verán do campus de Ourense

O XXI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova celebrarase do 23 ao 27 de xuño

Nel analizaranse as últimas producións galegas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 17/06/2025

O XXI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, organizado no marco da programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, do campus de Ourense terá lugar do luns 23 ao venres 27 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara. A actividade está patrocinada pola Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo e a Axencia Galega das Industrias Culturais e organizada pola Fundación Carlos Casares. Nela analizarase o sector do cine e o audiovisual galego a través da visión do equipo técnico das últimas producións galegas.

A iniciativa foi presentada este martes no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Rosendo Fernández, deputado de Representación Institucional; Mónica Villanueva, directora da Área de Coordinación do campus de Ourense; Antonio Puga, alcalde de Celanova; Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, e Paulino Pérez, director do XXI Curso de Medios Audiovisuais de Celanova.

Análise de filmes e moito máis 

O curso, lembran desde a súa organización, leva dende o ano 2004 xuntando cada verán na vila ourensá a profesionais do sector audiovisual para que analicen polo miúdo o seu labor diante das persoas asistentes, tanto alumnado universitario como público interesado. Baixo o título Audiovisual galego. Traspasando fronteiras, este ano os directores da iniciativa, Paulino Pérez e Miguel Anxo Fernández, da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, convocaron diversos perfís profesionais, artísticos e técnicos, de filmes como Xustiza artificial, El secreto del orfebre, San Simón, Casa en flames e SinÉl. Así, acudirán profesionais da dirección, como Olga Osorio, Eire Cid, Rosalía Quiroga, Miguel Ángel Delgado; do guión, como Simón Casal, Emilio Martínez-Borso; de dirección de fotografía, como María Muñoz; de produción, como Ana Eiras e Chelo Loureiro e a foquista Sarai Moreira e de efectos especiais Pablo Lamos, entre outras e outros profesionais. 

Ademais dos filmes, haberá espazo para unha clase maxistral sobre dirección de actores e actrices, impartida por Raquel Meleiro e Tony Karra; webseries premiadas en diversos certames, como A moza que abortou e o contou ou Pringadas; unha mesa sobre localizacións coa participación de diversos axentes dos sector e, finalmente, a presentación da curtametraxe Lobelia, da directora Laura Barriga, a 15ª produción do Taller Audiovisual Celanova, Plató de Ficción.