Preto de cen persoas participaron nesta iniciativa, desenvolvida no Pavillón Universitario
O XXI Maratón Solidario de Zumba reúne 250 quilos de alimentos
Entregados este venres ao comedor social dos Pais Franciscanos
Preto de cen persoas participaron na tarde deste xoves no XXI Maratón Solidario de Zumba, que permitiu reunir 250 quilos de alimentos non perecedoiros, que foron ntregados na mañá deste venres ao comedor social dos Pais Franciscanos. Promovido pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade e pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, este maratón constitúe xa unha cita fixa na programación deportiva do campus nas datas previas ao Nadal, dirixida tanto a promover a práctica de actividade física, como ao contribuír ao labor social que levan a cabo neste comedor. Aberto á participación de toda a cidadanía, á que se lle solicitaba un quilo de alimentos a modo de inscrición, este maratón contou novamente coa colaboración de Gadis e Coca-Cola, que se encargaron de achegar bebidas, froita ou barriñas enerxéticas ás persoas participantes.
Baixo a coordinación de Bruno Hermida, un equipo de monitores e monitoras encargouse de facer bailar ás persoas participantes ao longo das dúas horas de duración dunha actividade centrada nunha disciplina que combina os exercicios aeróbicos cos pasos de baile.
