DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolleu unha conferencia e un concerto centrado neste xénero musical

A zarzuela galega centra a conmemoración do Día de Rosalía no campus

O acto completouse coa interpretación dunha alborada na honra da poeta

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 24/02/2023

Caracterizada pola inclusión de elementos musicais de orixe popular xunto ás referencias propias do xénero, a zarzuela ou balada galega foi o eixe vertebrador do acto co que a Vicerreitoría do campus conmemoraba na tarde deste xoves o Día de Rosalía de Castro. No evento que tivo lugar na Casa das Campás combinouse un achegamento á historia e características deste xénero, a través dunha conferencia do musicólogo Javier Jurado, cun percorrido sonoro pola súa historia, da man da soprano Loli Crespo e o pianista Alejo Amoedo. Nesta actuación cobraron tamén protagonismo os versos da escritora homenaxeada, aos que puñan música varias das pezas que protagonizaron este recital, que se combinou á súa vez coa interpretación musical do seu poema Alborada.

Con esta peza, o campus sumábase á proposta impulsada pola Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Gaiteiros Galegos que, con motivo da conmemoración do día do nacemento da escritora, convidaron aos músicos e músicas a interpretar ao longo desta xornada unha alborada na súa honra en diferentes puntos do país. 

Alén desta Alborada e de poemas como Negra Sombra, o concerto deste xoves tivo como eixo o libro-disco Saudades d´alborada, que traza un percorrido histórico pola historia da zarzuela galega, a través dunha serie de pezas baseadas nos textos de autores como a propia Rosalía de Castro ou Ramón Cabanillas, e dun percorrido histórico pola traxectoria deste xénero, desde o Romanticismo ata a produción contemporánea. Este traballo ten como editor a Javier Jurado, profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que abriu este acto cunha conferencia titulada Zarzuela galega vs zarzuela de costumes galegos. A continuación, tomáronlle o relevo os responsables de por voz e son ás cancións que integran este disco, a soprano Loli Crespo, que ao longo da súa traxectoria ten actuado con formacións como a Real Filharmonía de Galicia ou a Orquestra Nacional Portuguesa, e o pianista Alejo Amoedo, tamén profesor do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que en 2021 foi recoñecido co Premio da Crítica de Galicia e que recentemente era elixido membro do plenario do Consello da Cultura Galega, así como coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia.