Comunicado de CRUE sobre la situación na Franxa de Gaza

UVigo - Communication 10/05/2024

A Universidade de Vigo por Palestina

A violencia non é o camiño para construír unha sociedade mellor

En xuño de 2024, despois de nove meses de ataques do exército israelí, Gaza vive nunha situación autenticamente desesperada: 2 millóns de persoas desprazadas dos seus fogares; máis de 37 000 mortos, deles 15 500 nenos e nenas; máis de 10 000 persoas desaparecidas; 85 000 persoas feridas; hospitais, escolas e universidades destruídos; unha poboación que se enfronta á fame e á morte polo cruel bloqueo de axuda humanitaria imposto por Israel. Están vivindo, quizais, a fase final dun proceso que comezou en 1948.

O pobo palestino vive esta situación enfrontándose á inacción e á conivencia de moitos gobernos que prefiren agarimar as súas relacións diplomáticas, comerciais e xeoestratéxicas con Israel e pechan os ollos perante o masacre dun pobo. Nestes momentos, semella que comeza a haber movementos cara a unha condena explícita do estado de Israel polas súas teimosas violacións dos dereitos humanos máis básicos, quizais o máis salientable é a decisión da fiscalía do Tribunal Penal Internacional da Haia do 20 de maio de 2024.

Segundo un informe da ONU publicado o 18 de abril de 2024, despois de seis meses de ataques militares, máis de 5479 estudantes, 356 profesores e profesoras, dos cales 95 eran da universidade, foron asasinados en Gaza, e 7819 estudantes e 756 profesores e profesoras quedaron feridos. Máis do 60 % das institucións educativas están destruídas, incluídas trece bibliotecas públicas. A última universidade de Gaza, a Universidade de Israa, foi demolida o 17 de xaneiro de 2024. O ataque contra as institucións educativas palestinas non se debe ao azar, senón que é unha acción planificada con gran precisión, destinada a esboroar os alicerces da cultura e da sociedade palestina. Queren, cos ataques ás escolas e ás universidades, converter en cachotes o futuro dun pobo

Unha universidade pública debe estar sempre a prol da crítica, da denuncia da guerra, da colaboración coa xente máis desfavorecida neste mundo desapiadado. Debe berrar con afouteza un «non á barbarie». Por isto, o Claustro da Universidade de Vigo:

1. Condena explicitamente a violencia contra as persoas polas súas ideas políticas, relixión ou orixe étnica, persoas abouxadas polo discurso de odio que vai alagando paseniñamente as nosas sociedades. 

2. Condena as accións bélicas do exército israelí na franxa de Gaza, así como todas as accións que, contra o dereito internacional, por acción ou omisión, segue a levar a cabo o goberno de Israel nos territorios ocupados.

3. Condena, coa mesma forza e convicción, a violencia contra calquera vítima inocente desta situación, sexa quen for, violencia exercida por medio de torturas e de secuestros. 

4. Condena a destrución á mantenta das universidades palestinas na franxa de Gaza e dos ataques a estudantes, profesorado e persoal universitario que está realizando Israel.

5. Esixe que se evite calquera forma de colaboración coas universidades israelís que practiquen o apartheid co estudantado palestino, sexan coniventes co xenocidio ou contribúan ás estratexias israelís de expansión, colonización, anexión, espolio de recursos e modificación demográfica do territorio palestino ocupado, por estas prácticas seren contrarias ao dereito internacional. 

6. Pide que a Universidade de Vigo se comprometa a destinar recursos económicos para o recibimento e a protección de estudantes, persoal académico e de administración, actualmente en situación de risco extremo, e a solicitar que se facilite o proceso de homologación de títulos para o estudantado palestino. Neste sentido, pide que se manteña a oferta de bolsas, xa creadas neste momento, e que se convide o profesorado para impartirlle docencia, de xeito presencial ou virtual, ao seu alumnado desprazado, se o houber, e para organizar calquera outro tipo de actividade académica.

7. Pide que a Universidade de Vigo se comprometa a converter a reconstrución material das universidades palestinas nun obxectivo estratéxico da nosa universidade para os vindeiros anos. Para o seguimento deste obxectivo deberase crear unha comisión específica. 

8. Pide que a Universidade de Vigo se comprometa a incluír na páxina web da institución unha mensaxe que mostre a solidariedade con Palestina do mesmo xeito que se fixo para Ucraína. 

9. Pide que a Universidade de Vigo se comprometa a apoiar e a fomentar actividades culturais e informativas de solidariedade coa causa palestina. 

10. Pide que a Universidade de Vigo se comprometa a tomar medidas contra a desinformación en relación co pasado e co presente de Palestina. 

Vigo, 5 de xullo de 2024

 



A Universidade de Vigo subscribe o comunicado de CRUE sobre a situación na Franxa de Gaza

A Xunta Reitora da Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), reunida o 9 de maio de 2024, quere deixar constancia do seu fondo pesar polos gravísimos acontecementos que nestes momentos se están a producir na Franxa de Gaza.

As universidades españolas xa expresaron e reafirmaron en varias ocasións o seu permanente compromiso coa paz, a convivencia e a xustiza e coa defensa do dereito internacional humanitario, o cal non impide que se volva ver profundamente conmovida polo agravamento do conflito e polas penosas consecuencias que está a ter para a poboación palestina.

Facemos noso o sentir dos nosos campus e a reivindicación que desde eles se está estendendo para que, desde distintas instancias, se adopten medidas que poñan freo á escalada de violencia que se está producindo.

En consecuencia, esiximos:

  • O cesamento inmediato e definitivo das operacións militares do exército israelí, así como de calquera acción de carácter terrorista, e a liberación das persoas secuestradas por Hamas.
  • Que o Estado de Israel respecte o dereito internacional e permita a entrada en Gaza de toda a axuda humanitaria que se poida prover para cubrir a emerxencia da súa poboación civil e que se articulen as medidas que correspondan por parte das instancias internacionais para acometer canto antes a reconstrución e a recuperación do territorio palestino.

Comprometémonos a:

  • Revisar e, no seu caso, suspender os acordos de colaboración con universidades e centros de investigación israelís que non expresasen un firme compromiso coa paz e co cumprimento do dereito internacional humanitario.
  • Intensificar a cooperación co sistema científico e de educación superior palestino e ampliar os nosos programas de cooperación, voluntariado e atención á poboación refuxiada
  • Velar por que no exercicio da libre expresión non se produzan condutas, igualmente reprobables, de antisemitismo ou islamofobia, así como a calquera outro comportamento de odio no seo das comunidades universitarias.

Madrid, 9 de maio de 2024

Crue Universidades Españolas