11F, Día Internacional da  Muller e da Nena na Ciencia 2021

UVigo – Social responsability agenda 2030 08/02/2021

«As mulleres e as nenas constitúen a metade da poboación mundial e, por conseguinte,  a metade do seu potencial»

Co fin de conseguir, por unha banda, o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres e das nenas na ciencia e, por outra, a igualdade de xénero e o apoderamento mencionado no ODS 5 «Igualdade de xénero da Axenda 2030», a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar en 2016 o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

A pandemia da covid-19 demostrou, unha vez máis, o papel crucial das mulleres na ciencia e na investigación. Ao mesmo tempo, a pandemia tamén tivo un impacto negativo nas mulleres científicas, derivado da «fenda de coidados» que aínda perdura nas nosas sociedades. Esta afectou especialmente as que comezaban as súas carreiras, o que contribuíu a que a fenda de xénero existente na ciencia se volvese aínda máis grande e revelou, novamente, as disparidades de xénero no sistema científico.

Na actualidade, menos do 30 % das investigadoras en todo o mundo son mulleres. Segundo datos da UNESCO (2014-2016), só ao redor do 30 % de todas as estudantes escollen estudos superiores dentro do campo das ciencias, da tecnoloxía, da enxeñería e das matemáticas (STEM). Consecuentemente, a matriculación de estudantes mulleres é especialmente baixa no eido da tecnoloxía da información e das comunicacións (TIC), cun 3 %; ciencias naturais, matemáticas e estatísticas, cun 5 %, e en enxeñería, manufactura e construción, cun 8 %.

Cumprir co principio fundamental do secretario xeral das Nacións Unidas de «non deixar a ninguén atrás» esixe comprender que a paridade na ciencia é esencial, que contribúe ao desenvolvemento sostible e que a ciencia é para todos e todas. Se queremos facer realidade o mundo inclusivo da Axenda 2030 e se queremos garantir a súa aplicación efectiva para conseguir a prosperidade das persoas e do planeta, cómpre o apoderamento das mulleres na ciencia, así como a participación dos medios de comunicación.

En canto á participación das mulleres na ciencia, esta afecta diferentes aspectos: 

  • No aspecto social, a participación das mulleres na ciencia está ligado á igualdade real e efectiva entre mulleres e homes que, comezando polo acceso á educación, é unha parte integral de todos os dereitos e de todas as liberdades humanas.
  • No aspecto económico, a participación das mulleres na ciencia é unha necesidade, pois trátase dun importante factor de crecemento e de desenvolvemento en todos os países, máis nas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics), ámbito dos futuros postos de traballo e os máis remunerados. Se as mulleres non están, incrementarase a actual feminización da pobreza aínda máis.
  • En termos de medio ambiente, as mulleres na ciencia desempeñan un papel esencial no desenvolvemento de modelos de consumo e de produción sostibles e ecolóxicos. A través da súa xestión e do uso dos recursos naturais, as mulleres proporcionan sustento ás súas familias e ás súas comunidades. Como consumidoras e produtoras, coidadoras das súas familias e educadoras, as mulleres desempeñan un importante papel na promoción do desenvolvemento sostible.
  • No aspecto cultural, a falta de acceso das mulleres á ciencia crea barreiras culturais que se estenden polas comunidades, velando a percepción destes dereitos e liberdades entre as nenas.

Por outra banda, os medios de comunicación tamén xogan un papel importante no apoderamento das mulleres e das nenas na ciencia. Pese a que son mulleres as científicas que están a deseñar as vacinas anticovid e as epidemiólogas de referencia, a súa presenza nos medios é moito menor que o seu peso real.

Nos últimos anos, o interese académico pola representación das mulleres na ciencia por parte dos medios de comunicación converteuse en tema de investigación, xa que as ditas representacións reflicten as opinións e as tendencias culturais relacionadas co status e cos roles das mulleres no traballo e na sociedade.

As mulleres na ciencia loitan contra prexuízos e desigualdades arraigados que deben tratarse mediante políticas e prácticas adecuadas. Polo tanto, é moi importante mellorar a imaxe e a percepción das mulleres na ciencia por varias razóns: para inspirar as mozas que están a considerar estudar ciencias na escola; para proporcionarlles modelos de conduta ás mulleres que xa están a estudar ciencias pero que non están seguras de se deben continuar e, por último, por xustiza e por igualdade.

Os días 11 e 12 de febreiro, con motivo da celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, a Universidade de Vigo organiza distintas actividades promovidas pola Unidade de Igualdade en coordinación coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación, Elas Fan CienTec, EXXperimenta en Feminino e o Centro de Investigación Mariña (CIM).

Programa de actividades


Con motivo do Día da Muller e da Nena na Ciencia, a Unidade de Igualdade abre hoxe a matrícula en novos cursos gratuítos dentro do Itinerario virtual de formación en xénero, un programa que trata de dar resposta ás necesidades de formación en xénero da comunidade universitaria.As súas temáticas son as seguintes: a inclusión da perspectiva e a análise de xénero na investigación e a innovación, a muller e a ciencia e a dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC.

Información e matrícula
 

Convidámosvos a consultar todas as nosas actividades e animámosvos a participar!

 

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal

Unidade de Igualdade
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

 

Icona do ODS 5 Igualdade de xénero