Día Internacional das Persoas con Discapacidade

UVigo – Social responsability agenda 2030 03/12/2020

A Universidade de Vigo súmase este 3 de decembro á celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (IDPD) declarado en 1992 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas mediante a resolución 47/3.

Acadar a inclusión plena do estudantado universitario con diversidade funcional é unha prioridade para a Universidade de Vigo que desenvolve diferentes políticas e programas e participa en proxectos internacionais sobre os retos aínda existentes desde diferentes perspectivas.

Animámosvos a coñecer o Programa de integración de universitarios/as con necesidades específicas de apoio educativo (PIUNE) e outras iniciativas da Universidade de Vigo premendo nesta ligazón.

A través do tema da conmemoración deste ano, «Un día para todos e todas», quérese amosar que a discapacidade forma parte da condición humana, pois todas as persoas, nalgún momento da nosa vida, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente e a sociedade debe estar preparada. 

Mais, que se considera unha discapacidade? A Organización Mundial da Saúde (OMS) defínea como «un termo xeral que abarca as deficiencias, as limitacións da actividade e as restricións da participación». Enténdense como deficiencias aqueles problemas que afectan unha estrutura ou unha función corporal; as limitacións da actividade refírense ás dificultades para executar accións ou tarefas, e as restricións da participación son aqueles problemas que existen para participar en situacións vitais. Polo tanto, a discapacidade é un fenómeno complexo que reflicte unha interacción entre as características do organismo humano e as características da sociedade na que vive.
 
Segundo os datos proporcionados pola OMS, case o 15 % da poboación mundial (uns 1000 millóns de persoas) sofren algún tipo de discapacidade. Convértense así na minoría máis ampla do mundo e todo indica que esta cifra seguirá aumentando no futuro debido ao envellecemento da poboación. A pesar diso, poucos países dispoñen dos recursos necesarios e adecuados para cubrir as necesidades das persoas con discapacidade. Ademais, cada unha destas persoas ten que afrontar diferentes obstáculos e barreiras en función de diversos factores como, por exemplo, a igualdade no acceso á saúde, á educación e ao emprego do lugar onde viven. 

O 11 de xuño de 2019, o secretario xeral António Guterres lanzou a Estratexia das Nacións Unidas para a inclusión da discapacidade, que reflicte o seu compromiso de facer que esta organización sexa inclusiva para todos e todas. 

Esta estratexia aprobouse coa intención de levar á práctica os principios, os valores e os compromisos das Nacións Unidas incluíndo as persoas con discapacidade. A organización prometeu esforzarse por elevar o nivel da súa actuación no relativo á inclusión da discapacidade e por lograr un cambio unificado, transformador e duradeiro para as persoas con discapacidade. 

As Nacións Unidas teñen como obxectivo conseguir o empoderamento das persoas con discapacidade para un desenvolvemento inclusivo, equitativo e sostible. Isto significa promover tanto os dereitos como o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e do desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida. O seu obxectivo final é crear un mundo no que todas as persoas, incluídas aquelas con discapacidade, poidan participar de maneira plena nos procesos de toma de decisións e beneficiarse verdadeiramente da vida económica, social, política e cultural.  

Se ben se puideron ver grandes avances e melloras ata o momento, a realidade é que queda aínda traballo por facer, sobre todo para acabar coa discriminación, o illamento social ou a falta de accesibilidade, problemas que afectan as persoas con discapacidade e que inflúen de maneira negativa no seu día a día. Así pois, cómpre o apoio, o compromiso e o esforzo de toda a sociedade, dos gobernos e das institucións, entre as que  as universidades teñen que ser axentes clave para acadar a inclusión e a igualdade total. 

A inclusión do estudantado con diversidade funcional está relacionada con varios obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) en especial co 10 «Redución das Desigualdades», o 3 «Saúde e Benestar», o 4 «Educación de Calidade» e o 16 «Paz, Xustiza e Institucións Sólidas».

 

Obxectivo de desenvolvemento sostible 10 "redución das desigualdades"

Obxectivo de desenvolvemento sostible 3 "saúde e benestar"

Obxectivo de desenvolvemento sostible 4 "educación de calidade"

Obxectivo de desenvolvemento sostible 16 "paz, xustiza e institucións sólidas"

 

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal