Día Mundial contra o Cancro

UVigo – Social responsability agenda 2030 03/02/2021

Hoxe 4 de febreiro celébrase, un ano máis, o Día Mundial contra o Cancro co principal obxectivo de aumentar a concienciación e de mobilizar a sociedade para avanzar na prevención e no control desta enfermidade. Cada ano, 9,6 millóns de persoas morren desta doenza no mundo e calcúlase que ata 3,7 millóns de vidas se poderían salvar con estratexias de prevención e de detección temperá e con tratamentos.  A emerxencia sanitaria ocasionada pola covid-19, que acapara a maior parte dos recursos sanitarios e da atención dos medios de comunicación, está a ter un impacto negativo na loita contra o cancro e o seu peor síntoma é o retraso na diagnose temperá desta enfermidade.

O cancro preséntase cando os cambios producidos nun grupo de células normais do organismo xeran un crecemento anómalo e incontrolado que dá lugar a un vulto chamado tumor. Isto ocorre en todos os cancros, a excepción do cancro de sangue (leucemia). Pódense deber a múltiples orixes e, ao igual ca outras enfermidades, a maior parte son consecuencia da exposición a diversos factores causais. É importante lembrar que, aínda que algúns factores non se poden modificar, ao redor dun terzo dos casos de cancro se poden evitar reducindo os riscos asociados á conducta e a alimentación. Entre os principais factores de risco evitables podemos destacar o consumo de alcohol e de tabaco, a exposición a virus e a bacterias, o sobrepeso, a mala alimentación e nutrición e a exposición a fontes de radiación artificiais.

Algúns destes riscos están presentes na meirande parte da sociedade e forman parte dos hábitos sociais e culturais amplamente estendidos. Isto dá lugar a considerar o  pouco nivel de conciencia existente sobre o cancro na poboación, a necesidade de fomentar unha mellor comprensión sobre os factores de risco e de prevención desta doenza e que, a súa vez, se corresponden coa adopción dun estilo de vida sa e coa necesidade de contar con políticas que fomenten condutas máis saudables.

Entre os obxectivos da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible directamente relacionados coa erradicación do cancro podemos destacar: o ODS 3 «Saúde e benestar», que garante mellorar a saúde das persoas e erradicar por completo unha gran variedade de enfermidades, e o ODS 9 «Industria, innovación e infraestrutura», se consideramos  a investigación e a ciencia como ferramentas fundamentais para acabar co cancro e a súa finalidade de aumentar a investigación científica, de mellorar a capacidade tecnolóxica, de fomentar a innovación e de aumentar o número de persoas que traballan nas investigacións.

Desde a Área de Responsabilidade Social e Cooperación da Universidade de Vigo, unímonos á celebración desta data e aproveitamos para salientar a importancia da investigación científica e da adopción de hábitos saudables.

Convidámosvos a coñecer máis detalles sobre as investigacións realizadas na Universidade de Vigo así como as nosas iniciativas de saúde e de benestar.


Fotografía de Eduardo Jerónimo Estévez Agrafojo.

 

Icona do ODS 3

Icona do ODS 9​​​​​​

Máis información:

Área de Responsabilidade Social e Cooperación
Edificio Miralles
As Lagoas, Marcosende
36300 Vigo
+34 986 813 587
direc.rsco@uvigo.gal