Vice-Rectorate for Academic Offer

Esther Pillado González

 

É catedrática de Dereito Procesual na Universidade de Vigo, institución á que se incorporou en 1995 e onde desenvolve a súa actividade na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Ao longo da súa traxectoria, combinou docencia, investigación e servizo institucional, cunha atención constante á formación do estudantado e ao acompañamento de novas xeracións investigadoras. Ten recoñecidos cinco quinquenios e cinco sexenios e mantén unha actividade sostida en investigación e transferencia vinculada a proxectos competitivos e á produción científica.

A súa investigación céntrase en ámbitos do dereito procesual en relación coa realidade social, o que deu lugar á publicación de monografías, numerosos artigos e a participación continuada en proxectos de investigación. En 2018 foi nomeada membro da Comisión Xeral de Codificación, órgano asesor do Ministerio de Xustiza, onde participa na elaboración e reforma da lexislación procesual. Esta experiencia reforzou o seu compromiso co rigor, a claridade normativa e o tratamento integral dos problemas.

No ámbito da xestión universitaria, exerceu distintas responsabilidades: secretaria e directora do Departamento de Dereito Público, secretaria xeral e valedora universitaria. Esta traxectoria proporcionoulle un amplo coñecemento da institución, así como das súas necesidades e retos.

Defende unha oferta académica de calidade, planificada de forma global e aliñada coa demanda social, que impulse a internacionalización, a formación continua e a aprendizaxe ao longo da vida como piares do futuro da Universidade de Vigo.

 

  • A planificación estratéxica, organización, coordinación e seguimento da oferta académica da universidade, tanto oficial coma propia, incluída a elaboración da proposta anual de titulacións e da oferta de prazas.
  • A planificación, coordinación e supervisión dos procesos de verificación, implantación, seguimento, modificación, renovación da acreditación, suspensión e extinción das titulacións oficiais, así como dos procedementos de aseguramento da calidade, da ordenación académica das prácticas externas curriculares e do apoio aos centros no desenvolvemento das titulacións oficiais.
  • A planificación, coordinación, implantación e seguimento das ensinanzas propias, da formación permanente, das microcredenciais e doutros programas de curta duración.
  • A coordinación de programas de impulso á docencia en linguas estranxeiras nas titulacións da universidade.
  • A coordinación, seguimento e supervisión académica dos centros propios e adscritos á universidade.
  • A organización e seguimento do Programa universitario para maiores.
  • A promoción, difusión e posicionamento da oferta académica da universidade, con especial atención á captación de estudantes no ámbito nacional e internacional, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria.
  • A convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os procedementos derivados.
  • A tramitación, resolución e sinatura dos procedementos administrativos relacionados coas competencias obxecto de delegación, incluídas as resolucións en materia de actividade académica do estudantado non atribuídas expresamente á Secretaría Xeral.

Belén Jácome Pérez
Secretaría
+34 986 813 763
vicofertaacademica@uvigo.gal

 


Axenda
 

Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 763​​​​​
vicofertaacademica@uvigo.gal