Vice-Rectorate for Transfer, Innovation, and Social Impact

Rafael Comesaña Piñeiro, vicerreitor
É profesor da Universidade de Vigo desde 2012 na Área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas e imparte docencia tanto no campus de Vigo como no de Ourense.
A súa actividade investigadora e de transferencia céntrase no procesamento de materiais mediante tecnoloxía láser, así como no estudo da fatiga e a integridade estrutural. Liderou distintos proxectos nacionais e internacionais, entre os que destaca o Everglass, financiado polo Consello Europeo de Innovación. Publicou numerosos traballos científicos en revistas de referencia no ámbito da enxeñaría dos materiais. No eido da transferencia, participou en contratos e proxectos con empresas e é coautor de varias patentes de invención de ámbito nacional, europeo e internacional
No ámbito da xestión académica, foi secretario da Escola de Enxeñaría Industrial e posteriormente subdirector de posgrao e doutoramento. Asumiu tamén a coordinación académica dos mestrados en Enxeñaría industrial e en Enxeñería biomédica. Ademais, participou activamente na elaboración, implantación e seguimento de programas de grao e mestrado, así como en procesos de avaliación e acreditación da calidade, incluíndo a obtención do selo internacional ABET (Accreditation Board for Engineering and Technology).
A súa traxectoria combina docencia, investigación, transferencia e xestión, cun enfoque orientado á formación de profesionais cualificados, á xeración de coñecemento relevante e á súa transferencia efectiva á sociedade. Traballa desde o compromiso coa universidade pública, o rigor académico, a colaboración institucional e o respecto ás persoas.
Competencias
- O deseño, implantación, promoción, avaliación e difusión das políticas de transferencia, innovación e impacto social da Universidade de Vigo, así como a divulgación do coñecemento xerado pola universidade.
- As relacionadas coas convocatorias de axudas e bolsas, así como coa promoción, formalización e seguimento de proxectos de transferencia de coñecemento, innovación e impacto social, tanto no ámbito autonómico coma no estatal e internacional.
- As relacionadas cos contratos, informes e cursos previstos no artigo 60 da LOSU, así como coa valorización, protección, xestión e explotación dos resultados da investigación.
- As relacionadas cos parques tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación no ámbito das políticas de I+D e, se for o caso, coas vicerreitorías dos campus competentes.
- O impulso das relacións institucionais da universidade co tecido socioeconómico, así como o deseño, impulso e coordinación da política institucional de cátedras desenvolvidas en colaboración con entidades públicas e privadas, en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.
- A planificación, coordinación e execución das políticas e actuacións vinculadas ao Campus Vigo Tecnolóxico, así como a coordinación coas respectivas vicerreitorías de campus para garantir a coherencia das políticas de transferencia de coñecemento nos campus de especialización Auga e Crea.
- A planificación, coordinación e seguimento das prácticas académicas externas, das políticas de empregabilidade e das iniciativas de emprendemento, en coordinación coa Vicerreitoría de Oferta Académica e coa Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, no ámbito das súas respectivas competencias.
- A promoción e coordinación das políticas de acción solidaria, voluntariado e cooperación ao desenvolvemento.
- As relacións da universidade con redes nacionais e internacionais no ámbito da transferencia, da innovación e do impacto social.
Secretaría
Yolanda Faro Chamadoira
Secretaría
+34 986 813 597
victransferencia@uvigo.gal
Edificio Filomena Dato
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 597
victransferencia@uvigo.gal




