Día Internacional contra a LGTBIfobia 2025

17 de maio

UVigo - Diversidade 15/05/2025

Por que aínda hai quen non pode ser quen é con liberdade?

O 17 de maio é unha data para denunciar as violencias que seguen sufrindo moitas persoas por quen son ou por como senten. A LGTBIfobia adopta moitas formas: rexeitamento, burla, exclusión, violencia..., e aféctalles de maneira especialmente dura ás persoas trans, ás persoas non binarias e a todas as que se afastan das normas impostas sobre o xénero ou a orientación sexual.

A LGTBIfobia non se manifesta só en actos de odio ou violencia física; tamén se agocha nos silencios, nos xestos, nas exclusións cotiás que limitan a liberdade. 

O 17 de maio conmemórase o Día Internacional contra a LGTBIfobia, unha data simbólica que lembra que foi neste día, no ano 1990, cando a Organización Mundial da Saúde deixou de considerar a homosexualidade unha enfermidade mental. Conmemorar esta data é visibilizar unha loita viva, a que defende o dereito de todas as persoas a viviren libremente, sen medo, prexuízos nin violencias.

A loita contra a LGTBIfobia tamén é a loita polo recoñecemento das múltiples formas de ser, de vivir e de sentir. A diversidade é unha riqueza, non unha ameaza. E garantir o respecto a esa diversidade é unha responsabilidade compartida.

A UVigo, a través da Unidade de Diversidade, reafirma o seu compromiso por unha universidade que celebre a diversidade e garanta que todas as persoas poidan ser quen son e decidir libremente quen queren ser, sen sufrir discriminación por razón de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero, nin polas súas características sexuais.

Desde a Universidade de Vigo, a través da Unidade de Diversidade, queremos visibilizar esta realidade e defender o dereito fundamental a vivir con liberdade, dignidade e sen medo. Reivindicamos unha universidade onde ser bisexual, pansexual, lesbiana, gay, asexual, trans, intersex…, non sexa un risco nin un motivo de discriminación.

Desde a UVigo e a súa Unidade de Diversidade facemos un chamamento á comunidade universitaria a implicarse activamente na creación de contornas seguras, acolledoras e libres de discriminación. A liberdade de ser e decidir quen se é debe estar garantida en todos os espazos.

Por unha universidade onde todas as identidades e orientacións teñan espazo, voz e liberdade.


Máis información:

 

Unidade de Diversidade

Edificio Ernestina Otero, 3.º andar
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 647 343 033
infodiversidade@uvigo.gal
Luns e venres, de 8.00 a 14.30 h

 

Edificio de Facultades, soto
As Lagoas
32004 Ourense
+34 647 343 033 | 988 387 107
infodiversidade@uvigo.gal
Martes, mércores e xoves, de de 8.00 a 14.30 h