Día Internacional da Muller 2026

UVigo - Igualdad 24/02/2026

A través do lema da campaña deste Día Internacional das Mulleres «Xeracións en simbiose: unidas polos nosos dereitos», queremos propoñer un convite para mirar o feminismo cunha lente distinta: a da cooperación como motor de cambio. Coa referencia da bióloga Lynn Margulis, primeira doutora honoris causa da Universidade de Vigo, que explicou a evolución como un proceso no que os organismos non só compiten, senón que sobre todo se fortalecen ao vivir en simbiose, queremos reivindicar a potencia política e vital que xorde cando distintas xeracións se encontran, dialogan e crean xuntas. Coma nos ecosistemas, tamén entre nós o que garante a continuidade e a capacidade de adaptación non é a homoxeneidade, senón a diversidade de idades, experiencias, disciplinas e traxectorias que aprenden a convivir.

O encontro interxeracional é unha oportunidade para pensar e actuar desde lugares distintos pero complementarios: as estudantes que comezan a construír o seu camiño vital e profesional, as investigadoras e docentes que se esforzan en abrir fendas no coñecemento, o persoal técnico de xestión, de administración e servizos que sostén o día a día da institución ou as activistas que fan dos coidados e da organización comunitaria unha práctica política cotiá. Cada unha destas voces chega cunha memoria propia de logros e frustracións, de dereitos gañados e dereitos aínda pendentes, de ferramentas aprendidas para enfrontar as violencias e as desigualdades de xénero. Postas en relación, coma nas relacións simbióticas que describe Lynn Margulis, estas memorias transfórmanse, achegan recursos e xeran novas formas de resistencia e creatividade feminista.

Pensar en clave de simbiose lévanos tamén a cuestionar os relatos lineais do progreso, nos que unha xeración substitúe a anterior e a historia avanza en etapas pechadas. O feminismo que queremos reivindicar este 8 de marzo constrúese  por conexións: mulleres novas que se recoñecen nas loitas das que as precederon; mulleres maiores que atopan nas novas xeracións linguaxes, demandas e ferramentas para nomear o que antes era difícil de dicir; redes profesionais e vitais onde compartir saberes; unha trama común que se fai máis forte con cada fío que a compón.

Isto significa tamén recoñecer que ningún dereito está asegurado para sempre e que a defensa da igualdade require alianzas sólidas. Por iso, este 8 de marzo queremos poñer no centro espazos de encontro nos que as mulleres se poidan escoitar sen xerarquías, recoñecer os privilexios e as desigualdades que nos atravesan, e construír estratexias colectivas que teñan en conta as condicións materiais e as necesidades concretas de cada momento vital. Desde a universidade temos a responsabilidade de favorecer estas redes de cooperación: nos plans de estudo, na investigación, nas políticas de igualdade, nos servizos de atención, nos órganos de goberno e en todos os ámbitos onde se decide como se vive, se traballa e se aprende.

Queremos pechar este convite a partir do diálogo que propón Begoña Caamaño en Circe ou o pracer do azul e lembrar que o encontro entre mulleres é unha práctica política e vital que nos transforma. Como Circe e Penélope, tamén nós aprendemos a mirarnos doutro xeito cando nos escoitamos fóra dos guións patriarcais, cando nos recoñecemos como aliadas nun mesmo lugar de inxustizas pero tamén de posibilidades compartidas. Nese espazo de conversa, de dúbidas, de relatos cruzados que, coma un círculo, non se clausura, senón que se expande.

O feminismo fortalécese cando as xeracións se recoñecen interdependentes e se organizan arredor dun horizonte común de xustiza. Unidas polos nosos dereitos, celebramos este 8 de marzo como unha ocasión para renovar o compromiso de facer da universidade un espazo no que todas as mulleres poidan vivir, estudar e traballar en condicións de dignidade e autonomía. 
 

A Universidade de Vigo convida a comunidade da UVigo ao acto institucional organizado para conmemorar o Día Internacional da Muller. A cita será o xoves 5 de marzo, ás 12.00 h, na sala 1 do edificio Miralles. 

Facultade de Filoloxía e Tradución

  • Traducir, escribir e editar hoxe conversa con Elvira Asensi e Cynthia Menéndez
    2 de marzo, de 12:30 a 14:00 h 
    Salón de graos (Aula Fernández Romero) 

Instituto de Investigación Xustiza e Xénero

Facultades de Ciencias Empresariais e Turismo e de Relacións Internacionais

Este 8 de marzo de 2026, as universidades españolas sumámonos á conmemoración do Día Internacional das Mulleres baixo o lema proposto por ONU Mulleres: «Dereitos. Xustiza. Acción. Para TODAS as mulleres e nenas». Un lema que interpela as nosas institucións, que teñen a misión de xerar, transmitir e aplicar coñecemento a través da investigación, a docencia e a transferencia. 

No ámbito universitario, defender os dereitos das mulleres significa garantir a súa plena participación na vida académica, científica e profesional, sen barreiras, brechas nin discriminacións. Significa promover contornas seguras, libres de acoso e de violencia, e facer da igualdade de oportunidades un principio real e efectivo, máis aló dunha mera declaración formal. 

A xustiza esíxenos analizar a realidade con perspectiva de xénero e actuar en consecuencia. A pesar dos avances logrados e das mulleres que nos precederon abrindo camiño nos ámbitos académico e científico, persisten brechas e obstáculos que limitan o seu progreso na carreira investigadora en igualdade de condicións e dificultan o seu acceso a espazos de decisión e liderado. Corrixir estas desigualdades non é unha cuestión simbólica. É unha esixencia de xustiza que fortalece a calidade, a excelencia e a integridade da acción universitaria. A universidade non pode ser plenamente xusta mentres parte do seu talento permaneza invisibilizado e infrarrepresentado. 

A acción implica valentía, responsabilidade, coherencia e compromiso sostido. Supón pasar das palabras aos feitos consolidando e avaliando políticas de igualdade, acompañando o desenvolvemento de vocacións científicas femininas e eliminando os rumbos estruturais que continúan condicionando a avaliación, o financiamento e o recoñecemento do mérito feminino. Supón tamén reforzar a cooperación entre universidades e coas administracións públicas, o tecido produtivo e a sociedade civil para construír un ecosistema educativo e científico máis inclusivo e equitativo. 

Neste Día Internacional das Mulleres de 2026, a Conferencia de Reitoras e Reitores das Universidades Españolas (CRUE) reafirma o seu compromiso cunha universidade libre de desigualdade, diversa nos seus liderados, corresponsable nos coidados e exemplar na defensa activa dos dereitos humanos. 

Desde aquí, reclamamos dereitos, xustiza e acción para TODAS as mulleres e nenas. E, de maneira moi especial, para as mulleres e mozas que estudan, investigan, ensinan e traballan nas nosas universidades. Todas as persoas que formamos parte da comunidade universitaria temos a responsabilidade de facer das nosas institucións espazos de igualdade e de futuro.

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e seguindo o lema proposto por Nacións Unidas este ano «Dereitos. Xustiza. Acción. Para TODAS as mulleres e nenas», as universidades asinantes reafirmamos o noso compromiso coa igualdade real e efectiva e coa defensa dos dereitos humanos das mulleres e nenas en todo o mundo.

Este lema recórdanos que a igualdade non é un obxectivo abstracto nin un logro consolidado. É unha tarefa permanente que esixe garantías xurídicas, vontade política e acción institucional sostida.

Falar de dereitos é afirmar que as mulleres e as nenas deben poder exercer plenamente o seu dereito á educación, á participación, á autonomía económica, á saúde, á seguridade e a unha vida libre de violencia. É recoñecer que sen o exercicio efectivo destes dereitos non existe cidadanía plena nin democracia sólida.

Falar de xustiza é recoñecer que as desigualdades persisten e que non lles afectan a todas as mulleres por igual. As fendas salariais, a segregación profesional, a precariedade, a sobrecarga de coidados e a violencia de xénero son manifestacións de desigualdade estrutural. A xustiza esixe identificar esas fendas, analizar as súas causas e corrixilas mediante políticas públicas e decisións institucionais responsables.

Falar de acción implica avanzar máis alá dos compromisos formais. Supón implementar plans de igualdade, avaliar o seu impacto, dotalos de recursos e garantir a súa aplicación efectiva. Supón integrar a perspectiva de xénero na educación, a investigación e a xestión. Supón actuar con determinación fronte a calquera forma de discriminación.

Como universidades, asumimos unha responsabilidade específica neste marco global. A nosa misión formativa e científica sitúanos nunha posición clave para promover o pensamento crítico, visibilizar as achegas das mulleres en todos os
ámbitos do coñecemento e formar xeracións comprometidas cos dereitos humanos e a igualdade.

Cando dicimos «para TODAS as mulleres e nenas», reafirmamos un compromiso inclusivo, consciente de que as desigualdades se agravan cando se cruzan con outros factores como a orixe, a discapacidade, a orientación sexual, a identidade de xénero, a idade ou a situación socioeconómica. A igualdade debe ser interseccional e universal.

Neste oito de marzo, renovamos o noso compromiso cos dereitos, coa xustiza e coa acción.

Por todas as mulleres e nenas.

Hoxe e cada día.

As universidades abaixo asinantes forman parte da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria.

 

Máis información:

Unidade de Igualdade
Edificio Ernestina Otero
As Lagoas, Marcosende
36310 Vigo
+34 986 813 419​
​​​​​​igualdade@uvigo.gal

Instagram