Manifesto de apoio académico ás políticas contra a violencia de xénero

UVigo - Igualdad 14/01/2019

Plataforma Universitaria de Estudos Feministas e de Xénero (EUFEM)

Os institutos universitarios feministas e de xénero foron creándose ao longo de máis de trinta anos en distintas universidades co fin de paliar e corrixir os rumbos androcéntricos dunha universidade que, durante séculos, ignorara a experiencia das mulleres e o seu papel como creadoras de coñecemento, ciencia e cultura e que, apenas en 1910, comezara a admitilas nas súas aulas. Cando a democracia chegou a España, restablecéronse os principios de igualdade que foran interrompidos durante corenta anos por un réxime que humillou as mulleres ao consideralas xuridicamente menores de idade, impedíndolles o acceso e o desenvolvemento profesional, e confinándoas a un espazo privado onde carecían mesmo de patria potestade sobre os seus fillos e fillas. O Estado democrático español decidiu por fin ao dano inflixido ás súas cidadás de forma integral, cambiando leis, restituíndo os seus dereitos e pondo en marcha políticas que lles permitisen acceder ás mulleres aos lugares de saber, política, cultura e ciencia que lles correspondían. De feito, hoxe en día, as mulleres son maioría entre aquelas persoas que ocupan as aulas universitarias españolas.  

Os institutos de xénero e feministas das universidades españolas supuxeron, durante décadas, espazos emerxentes onde persoas pertencentes á academia ofreceron e seguen a ofrecer os seus coñecementos e experiencia –tanto desde a filosofía, historia, ciencia, cultura ou saúde- para visibilizar e analizar as desigualdades, corrixir contidos, ampliar saberes e brindarlle á cidadanía, espazos de liberdade e desenvolvemento intelectual. Grazas a estas persoas creáronse as actuais unidades de igualdade, que identifican as desigualdades aínda presentes na universidade, formulan políticas para corrixilas, e velan e poñen en marcha protocolos que tentan acabar co acoso e a discriminación nas aulas. Os institutos universitarios feministas e de xénero son o exemplo da interdisciplinariedade académica ao servizo da democracia e da liberdade, conectados continuamente coa sociedade e as súas necesidades.  

Por todo iso, desde a universidade, institución garante do exercicio do pensamento libre e igualitario, non imos tolerar o ataque actual ás políticas de igualdade por parte de sectores que, a través de mensaxes baseadas en graves erros, queren minar o avance que supuxo a loita contra a violencia e a discriminación social desde as políticas estatais, os movementos sociais e a academia.  

Desde os institutos universitarios e as asociacións universitarias feministas e de xénero condenamos e deploramos o uso difamatorio que se está facendo das políticas contra a violencia de xénero por parte de Vox, posto que terxiversa metas e obxectivos base da democracia.  

Como investigadoras e profesoras, lembramos pasadas experiencias nas que, cando grupos marxinados comezaban a ter dereitos, adoitaba aparecer un grupo marxinal e pequeno que negaba o cambio, o progreso e a loita, con calquera instrumento ao seu alcance, aínda que fora ilexítimo e falaz. Soubémolo cando se loitou polo sufraxio masculino xeral, cando se loitou polo sufraxio universal, cando se loitou polo divorcio, e mesmo pola Constitución española. As persoas que hoxe se benefician da súa implantación, opuxéronse, no seu día, á súa posta en marcha.  

Por iso, desde a xunta directiva da plataforma asociativa EUFEM, como investigadoras e profesoras universitarias, emitimos o presente manifesto, en Madrid, a 9 de xaneiro  de 2019.