Amelia Rodríguez, responsable da ORI, informoulles dos trámites que deben realizar

Idioma, cultura e ansia de independencia, na maleta dos 151 Erasmus do campus

Completarán os seus estudos en universidades doutros países no curso académico 2010-11

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 26/05/2010

Iris González é unha moza estudante de Dereito que o ano que ven viaxará ata Southampton (unha cidade situada a 200 quilómetros de Londres) para participar nunha estadía de 10 meses dentro do programa Erasmus. Iris recoñece que esta experiencia vaille supor “unha oportunidade única para aprender un idioma”, pero subliña moi especialmente da iniciativa o que lle vai aportar no seu crecemento persoal. “Para min esta viaxe vai ser unha experiencia vital moi importante posto que nunca vivín fóra da miña casa, polo que terei que aprender a saír adiante soa”. Unhas palabras compartidas pola súa compañeira Teresa Rúas, alumna tamén de Dereito e que estudará en Lisboa o vindeiro curso académico. “Sempre vivín en Ourense polo que este é un bo momento para saír da casa e coñecer outra cultura, outra idioma, outras xentes e outros hábitos de estudo”, sinala.
Esta independencia que lle achega o programa Erasmus ao alumnado que participan nel é corroborada tamén por Amelia Rodríguez, responsable da Oficina de Relacións Internacionais (ORI) da Universidade de Vigo. “Para moitos destes mozos e mozas vai ser a primeira vez que viaxen ao estranxeiro e esta iniciativa é moi valorada despois polas empresas que moitas veces os seleccionan por esa capacidade de vivir fóra, de ser independentes e de saber superar obstáculos”, sinala.

A importancia de facer ben os trámites administrativos

Amelia Rodríguez visitou este mércores o campus para manter unha reunión informativa cos 151 estudantes que participarán no programa Erasmus no vindeiro curso académico 2010-2011, nunha rolda de contactos que xa a levou polos campus de Vigo e Pontevedra. A responsable da ORI, acompañada por Rebeca Puga, da ORI de Ourense, explicoulle ao alumnado as xestións que deben facer antes, durante e despois da súa estadía nos seus respectivos países de destino, facendo especial fincapé na importancia de facer ben e en prazo os trámites administrativos. Deste xeito sinalou “a importancia de establecer contacto coa universidade de destino para mandarlle toda a información que soliciten no prazo correspondente, posto que un estudante só é Erasmus cando sexa aceptado polo centro de destino”. Tamén lles falou Amelia Rodríguez das bolsas e axudas que poden solicitar durante a súa estadía fóra, dos cursos de idiomas aos que poden acceder –o Centro de Linguas da Universidade de Vigo ofertará cursos intensivos que lles van ser de moita utilidade na viaxe- e doutras cuestións de interese como o visado, a viaxe e o aloxamento, “que é responsabilidade da universidade que vos recibe, que debe arbitrar os medios necesarios para facilitarvos este trámite”.
Unha das novidades que presenta o programa Erasmus é o contrato de estudos, un documento que asina o estudante, a universidade de orixe e a de destino e no que se sinalan as materias que o alumno vai cursar ao longo do ano académico. Este contrato farase on-line, a través da secretaría virtual da páxina web da Universidade de Vigo (www.uvigo.es), e supón unha garantía para os participantes no programa porque, segundo Amelia Rodríguez, “con este papel asinado o estudante ten a garantía de que esas materias lle van ser recoñecidas cando volva ao seu centro”, declara..
.

O prezo, determinante á hora de escoller destino

Entre o estudantado que acudiu á charla informativa estaba Jorge Quintana, un alumno de Maxisterio que pasará en Polonia o segundo cuadrimestre do vindeiro curso académico. “Quixen participar no programa pola experiencia de vivir unha temporada no estranxeiro e coñecer unha cultura diferente”. Jorge recoñece que a cuestión económica foi determinante á hora de escoller esta cidade “fronte a outras opcións quizais máis atractivas para min pero nas que o nivel de vida é moito máis caro”, explica. Con el coincide Carlos Ledo, estudante de Enxeñaría Técnica Agroalimentaria que se desprazará a Coimbra o vindeiro ano.
Portugal foi tamén o destino escollido por Lara Da Silva, unha alumna de Dereito que estudará en Oporto atraída pola posibilidade de vivir todo un curso académico no país de orixe de seu pai e por Uxía Tizón, alumna tamén de Dereito, que viaxará ao país veciño “animada ante a posibilidade de vivir nun país similar ao noso e coñecer a xente e a cultura daquel lugar”, declara.
Amelia Rodríguez fixo especial fincapé na importancia do comportamento destes mozos e mozas nas respectivas universidades de destino. “Sodes a representación da Universidade de Vigo alí e o voso comportamento vai ser determinante para poder abrir novos acordos con eses centros ou para romper outros”, declarou.