A cineasta Claudia Brenlla homenaxea á muller nun documental sobre esta peza de roupa

Do feminino ao feminismo a través do simbolismo de batas e mandilóns

O filme presentouse este mércores no campus dentro dos actos do Día Internacional da Muller

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 10/03/2010

Fronte a monos de traballo e uniformes varios, xeracións e xeracións de mulleres tiveron a bata ou mandilón como indumentaria dun traballo menos visibles, pero tan importante como o remunerado para o mantemento das casas e as familias. Por ese motivo e porque hai tanta batas e xeito de levalas como tipo de mulleres, a realizadora Claudia Brenlla elixiu esta prensa como símbolo do feminino e das diferentes posturas ante o feminismo e plasmouno no seu documental Bata por fóra, muller por dentro, que este mércores presentou no campus dentro das actividades organizadas pola Área de Igualdade e a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes para conmemorar a celebración do Día Internacional da Muller.
A cineasta explicou aos asistentes os motivos que a levaron a comezar este ensaio sobre as batas de traballo e o significado que tentou plasmar no documental, como elemento simbólico e configurador da figura e do labor desenvolvido pola muller ao longo dos anos. Para a ocasión, como sucedeu na xornada anterior nos campus de Vigo e Pontevedra, a biblioteca encheuse de batas de moitos tipos: curta ou longa, sen mangas ou de manga curta e longa, de botóns ou cunhas tiras para atar, de cadros ou flores. Todas elas envolveron o ambiente da presentación amosando os diferentes universos que representan.

Un espello da realidade

Foi precisamente a observación da realidade a que levou a Claudia Brenlla a decidirse a realizar esta peza audiovisual a xeito de ensaio como homenaxe ás mulleres. A cantidade de nai a avoas que aínda teñen as batas como indumentaria de traballo fíxoa tomar a decisión xa que, segundo explica, “facía tempo que tiña ganas de experimentar e de realizar un traballo libre coa muller como protagonista e a bata aportoume o elemento simbólico para poder facelo”.
O resultado é Bata por fóra, muller por dentro, un documental de preto de 18 minutos de duración como unha homenaxe á mulleres, “non había que buscar diferentes tipos de muller senón que a muller en si, con toda a súa carga do pasado recente, estaba representada en esa prenda”. Nas súas palabras, “dende o punto de vista visual, musical e sonoro Bata por fóra, muller por dentro quere ser unha oda, un tributo á beleza, á valentía, á simpatía e á capacidade de traballo das nosas nais e avoas”, declara.
Para levar adiante o traballo a cineasta visitou unha fábrica de batas en Pontevedra e contactou con Petra Buchegger, unha artista plástica austríaca que emprega as telas das batas como materia prima para as súas obras. Vía Skype o documental recolle a entrevista coa artista “que nos ensinou as súas pezas e nos fala da fundamentación teórica do seu traballo”.O documental recolle todo isto así como a intervención doutras mulleres “unhas no seu papel real e outras representando diferentes estereotipos femininos”, segundo explica Brenlla.
Polo que respecta ao guión, a cineasta decidiu estruturalo a modo dun diálogo entre mulleres aparentemente sinxelo “que aborda temas sobre o feminino e o feminismo, sobre o noso pasado e o noso futuro como grupo dun xeito a veces paródico e traxicómico”, afirma. A cineasta cre que as mulleres “somos moi diferentes en idade, formación, intereses...” e que esa diferenza se manifesta tamén na postura do colectivo ante o feminismo. Unha filosofía que tentou plasmar no documental.
O traballo recibiu numerosos recoñecementos como o premio ao mellor documental no Festival Creativo de Curtas de Ribadeo, na Mostra de Videocreación de Ponteareas e no Certame de Documental e Vídeo Secuencia Cero de Vigo.