CACTI, CITI e proximamente MTI e CINBIO completan a rede de centros propios

A ECIMAT captou en 2009 preto de tres millóns de euros en proxectos de investigación

Os centros de investigación da Universidade colaboran coas empresas a competir no mercado

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/02/2010

A transferencia de coñecemento aos sectores produtivos relacionados co mundo do mar permitiulle aos grupos de investigación da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT, captar cos seus proxectos máis de 2.700.000 euros. É un exemplo de como a Universidade é cada vez máis un socio tecnolóxico para a empresa e a administración capaz de observar e ofrecer solucións ás súas problemáticas e necesidades.
Os grupos de investigación que traballan na estación, integrados a maioría deles na Agrupación Estratéxica Oceanográfica-ECIMAT, teñen en marcha na actualidade un total de 70 proxectos de investigación, a maior parte cunha clara repercusión no sector produtivo. O proxecto Cenit ACUISOST, cara a unha acuicultura sostible é un exemplo dun destes traballos. Man a man coa empresa que lidera o proxecto, os investigadores vigueses están a traballar na avaliación da viabilidade da utilización dos residuos da elaboración de azucre e alcohol para o desenvolvemento de pensos destinados á acuicultura de diferentes peixes.
Non se trata do único exemplo, dende a estación de Toralla destacan tamén o proxecto EPITOX que, desenvolto en colaboración con outras entidades, vai dirixido a resolver problemas inmediatos derivados da xestión e control de episodios tóxicos de orixe fitoplanctónica nos moluscos bivalvos de Galicia, así como, outro proxecto dirixido á obtención dunha certificación de pesca responsable e ecolóxica, que axudará aos “produtores” de navalla galega a competir nun mercado cada vez máis selectivo.
Co obxectivo de seguir achegando o traballo levado a cabo na ECIMAT á realidade dos sectores produtivos, ademais dos contactos directos con empresas, desde o centro dáse tamén moita importancia as reunións de traballo organizadas por plataformas tecnolóxicas, asociacións profesionais e institucións de sectores relacionados co medio mariño.

O CITI ofrece ás empresas unha planta piloto única en Galicia

Inaugurado a principios de curso, o CITI, Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, converteuse xa na pedra angular para crear e transferir os coñecementos orixinados no campus de Ourense. A localización do centro, nunha parcela do Parque Tecnolóxico de Galicia e colindante ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, facilita a transferencia directa dos resultados das investigacións que se están a levar a cabo no campus ás empresas.
O centro está formado por 12 grupos que dispoñen de persoal investigador altamente cualificado e que traballan sobre todo nos ámbitos agroalimentario, biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente e tecnoloxías da información.
Unha das grandes bazas coas que conta o centro é a súa Planta Piloto, unha instalación única en Galicia “que se perfila como un dos servizos máis importantes que ofrecerá o CITI tanto aos grupos de investigación como ás empresas”, segundo sinala Florentino Fernández Riverola, director do centro.
Esta planta piloto, orientada á investigación aplicada e ao escalado de procesos tecnolóxicos no campo da industria alimentaria e da biotecnoloxía, está composta por unha planta de bioprocesos que permitirá o desenvolvemento de procesos, prototipos e escalado produtivo de produtos biotecnolóxicos e compleméntase cun equipo de altas presións hidrostáticas, empregado na hixienización e conservación dos alimentos e unha inxectora ou plastógrafo utilizado na transformación de materiais plásticos.
A día de hoxe co centro e a plataforma tecnolóxica coa que ten o CITI maior vinculación é co Centro Tecnolóxico da Carne e a Plataforma Agroalimentaria Galega. Neste caso a oficina de proxectos de I+D+i participa sendo o responsable da coordinación e desenvolvemento de actividades do grupo de Alimentos Funcionais. Estas actividades de colaboración traducíronse tamén na participación do CITI en propostas institucionais, tal como a Rede de Innovación e desenvolvemento Tecnolóxico Agroalimentario Norte de Portugal-Galiza (REAL).

CACTI, apoio científico técnico á investigación

Cun orzamento de máis de 800.000 euros, no que non se inclúe gasto de persoal, e preto de 400.000 euros captados no 2009, o CACTI, Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, presta tamén un importante servizo ás empresas a través dos seus diversos servizos: seguridade alimentaria e desenvolvemento sostible, determinación estrutural, proteómica e xenómica, microscopía electrónica, nanotecnoloxía e análise de superficies, detección remota, taller electrónico e taller de mecanizado.
Neste camiño de achegamento ao sector produtivo, desde o centro están a intensificar a promoción nos parques tecnolóxicos, así como o fomento das visitas de investigadores e representantes de empresas. “Sen esquecerme tampouco da elaboración dunha nova páxina web e da promoción conxunta de servizos con outros centros de investigación da Universidade, como é o caso da ECIMAT para abordar o sector da acuicultura”, apunta a directora do centro, Asunción Longo.

MTI e CINBIO ampliarán a oferta investigadora da Universidade

En breve, a estes centros de investigación que xa están en pleno rendemento, sumaranse os que agora están en fase de construción, o Módulo Tecnolóxico Industrial, xa moi avanzado e no que se aglutinarán as investigación nun dos puntos máis fortes da Universidade, as enxeñarías, e o Centro de Investigación Biosanitaria, CINBIO, a través do que se impulsará outras das liñas preferentes de investigación, a biomedicina.
Na actualidade estanse definindo os grupos de investigación que participarán en ditos centros, na maior parte dos casos grupos xa moi consolidados e cunha longa traxectoria investigadora.
No caso do CINBIO, actualmente existe xa un agrupamento en investigación biomédica denominado Inbiomed, no que participan 12 grupos da Universidade de Vigo do ámbito da Medicina, Inmunoloxía, Endocrinoloxía, Neurociencias, Química, Física, Estadística e Informática. “O balance realizado para o ano 2009 é moi positivo con respecto á investigación, patentes e obtención de proxectos, así como desenvolvemento de spin-offs”, subliñou a directora do CINBIO, África González.