Florentino Fernández Riverola, director do CITI:

"Coa xornada de portas abertas queremos dar a coñecer o noso centro ás empresas, institucións e centros tecnolóxicos"

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 10/11/2009

O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación, CITI, celebra este xoves unha xornada de portas abertas dirixida aos centros e institucións relacionados co seu ámbito de traballo –Cámara de Comercio, Confederación de Empresarios, Parque Tecnolóxico de Galicia e os distintos centros da Universidade de Vigo-, pero tamén a calquera persoa interesada en coñecer o seu funcionamento e instalacións. A visita comezará polas instalacións da planta piloto do CITI, onde se comentarán as características específicas do equipamento singular existente. Continuará por varios dos laboratorios de investigación do centro e, finalmente, realizarase un percorrido polas distintas instalacións de uso común do edificio.
O centro botou a andar no ano 2005 pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia cunha finalidade clara. Nas palabras do seu director, Florentino Fernández Riverola, “trasladar e aplicar a investigación que se está a facer na Universidade no tecido empresarial do seu entorno”. E dentro deste obxectivo xeral desenvolverase a xornada de portas abertas do xoves, “coa que queremos dar a coñecer o noso centro ás empresas, institucións e centros tecnolóxicos que, dunha maneira ou doutra, poden actuar como axentes neste proceso de innovación”, explica o director.

A planta piloto, fundamental no proceso de transferencia tecnolóxica do centro

Con todo, Fernández Riverola matiza que o CITI, ademais dos espazos específicos adscritos aos equipos de investigación, dispón doutros espazos, “como unha sala escura para proxectos de realidade virtual, un animalario e espazos de uso común como as plantas técnicas, salas de refrixeración e conxelación, cafetaría e almacéns”. Pero se hai unha instalación salientable no centro, esa é a planta piloto, e así o subliña o director. “Sen dúbida algunha, o elemento máis salientable do CITI é a súa planta piloto, singular en toda Galicia tanto polo seu equipamento como pola súa configuración. Esta planta constitúe unha ferramenta fundamental nas tarefas de transferencia tecnolóxica do noso centro”, asegura. Fernández Riverola explica que a planta piloto “está orientada á investigación aplicada e ao escalado de procesos tecnolóxicos no campo da industria alimentaria e da biotecnoloxía”, e segue dúas liñas de traballo principais: a liña de fermentación e a liña de separación e extracción de biomoléculas. A planta dispón, así mesmo, dun equipo de altas presións hidrostáticas, empregado na hixienización e conservación dos alimentos, e dunha inxectora ou plastógrafo, utilizado na transformación de materiais plásticos.

Un espazo para as investigacións máis punteiras e aplicadas da universidade

O CITI centraliza a actividade investigadora e innovadora do campus de Ourense coa finalidade de vertebrar a relación da Universidade de Vigo coas empresas, fomentando a transferencia. Deste xeito, as investigacións máis punteiras e máis aplicadas á empresa atopan un lugar físico de calidade e con garantías no que desenvolverse. Na actualidade, e segundo os datos facilitados polo director do centro, están a desenvolver as súas tarefas de investigación oito dos doce grupos que teñen un espazo asignado no CITI, ademais da Oficina de Proxectos de I+D+i do campus de Ourense. “Polo tanto, a actividade que estaban levando a cabo os grupos de investigación co sector empresarial no campus de Ourense estase a continuar e potenciar no CITI”, explica Fernández Riverola, quen subliña, ademais, que os grupos de investigación do CITI “teñen unha traxectoria extensa de colaboración co sector empresarial no seu ámbito de coñecemento”.
Neste intre estanse a desenvolver no centro investigacións en varias áreas de estudo, como son Bioquímica, Física Ambiental, Enxeñería Química, Biotecnoloxía Agroalimentaria ou Microbioloxía, entre outros. Segundo explica Fernández Riverola, as capacidades dos grupos de investigación do CITI céntranse, fundamentalmente, nos sectores agroalimentario, biotecnoloxico, enerxético, medio ambiental e TIC (Tecnoloxías da Información). “Nestes campos, a importancia de acadar unha transferencia efectiva das tecnoloxías e investigacións desenvolvidas no campus de Ourense aos usuarios finais, en especial ao sector empresarial, é un dos maiores retos e representa unha das principais razóns para a ubicación actual do centro no Parque Tecnolóxico de Galicia”, declara.