Inaugurado por Alberto Gago, Jesús Vázquez e outros persoeiros do eido académico, social e político

O CITI liderará dende Ourense a transferencia do I+D da Universidade ao tecido empresarial

Máis de 4 millóns de euros e 3.000 m2 en laboratorios, salas técnicas e unha planta piloto única en

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Lucía Costas DUVI 09/10/2009

O Centro de Investigación, Transferencia e Innovación abriu hoxe as súas portas en Ourense ratificando a firme aposta da Universidade pola transferencia de coñecemento ao tecido empresarial. Creado pola Universidade de Vigo en colaboración coa Xunta de Galicia, o CITI conta con máis de catro millóns de euros en investimento e 3026,99 m2 de superficie construída para albergar a unha ducia de grupos de investigación do ámbito agroalimentario, biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente e tecnoloxías da información.
O edificio, “unha aposta clara e valente da Universidade de Vigo por achegar a investigación aplicada á empresa”, segundo explicaba o director do centro Florentino Fernández, foi inaugurado esta mañá, no Parque Tecnolóxico de Galicia, na presenza do reitor, Alberto Gago; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; Ricardo Capilla, director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria; o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Luis Baltar e Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, entre outras moitas autoridades do mundo académico, político e social.
“Unha aposta moi importante centrada na investigación aplicada e que forma parte da nosa principal estratexia, da transferencia do coñecemento”, así definía Gago este novo espazo, polo que se realizou unha visita guiada, na que se amosaron algunhas das súas plantas técnicas, laboratorios e unha sala única na comunidade galega. Un momento, este, “que ratifica e consolida a plena madurez universitaria do campus de Ourense”, remarcaba Jesús Vázquez, “situando ás institucións académicas ourensás na vangarda tecnolóxica, outorgando capacidade para intervir e facer oír a nosa voz nos eidos que están a construír o futuro”, salientaba o conselleiro.

Transferencia do coñecemento ao tecido empresarial

O CITI é un elemento nuclear para a creación e transferencia do coñecemento orixinado no campus de Ourense, onde a Universidade se relaciona coa empresa, servindo tamén como fonte de ideas innovadoras a partir das cales poder construír novos proxectos empresariais. “Será o lugar das ideas innovadoras, o que nos aporte modernidade e futuro, unha ferramenta de gran valor que Ourense precisa”, sinalaba Baltar. Na mesma liña expresábase o director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, cualificando ao CITI como “exemplo de boa xestión e transparencia, fortalecendo a colaboración universidade-empresa”. Neste sentido, Capilla incidía no feito de que “a empresa debe ver na universidade un socio tecnolóxico útil, e a universidade observar a problemática e necesidades reais da empresa”.
Un total de doce grupos de investigación formados por persoal altamente cualificados no ámbito agroalimentario, biotecnoloxía, enerxía, medio ambiente e tecnoloxías da información, teñen asignado un espazo no CITI para desenvolver o seu labor. Oito deles están operando xa dende o mes de maio nestas novas instalacións, que a partir de agora comezarán a funcionar a pleno rendemento, e onde tamén se localiza a Oficina de Proxectos de I+D+i do campus ourensán.
Estes grupos poderán mellorar o seu nivel científico a través das distintas dotacións que lle ofrece o centro. Existen doce laboratorios, con cadansúa liña de investigación, “deseñados e equipados tendo en conta as necesidades específicas de cada grupo”, sinalaba o director do CITI. Desta maneira hai laboratorios de biotecnoloxía agroalimentaria, bioquímica, enxeñaría química, física aplicada, física da atmosfera e do océano, microbioloxía, toxicoloxía e seguridade alimentaria e medioambiental, valorización de biomasa, informática aplicada, informática gráfica e multimedia, sistemas informáticos de nova xeración e laboratorio web de axentes intelixentes.

Máis de 4 millóns de euros en 3.000 m2, cunha planta única en Galicia

En canto ao investimento, Florentino Fernández indicaba que no CITI hai “tres grandes conceptos”: o acondicionamento da parcela, de 153.617,92 euros; a construción do edifico en si, que ascende a 3.545.653,84 euros e, finalmente, 569.772,98 euros en mobiliario e equipamento. O CITI consta de cinco edificacións, catro delas comunicadas a través dunhas torres agás un dos módulos denominado Planta Piloto, independente e illado do resto. Ademais dos espazos específicos asignados aos equipos de investigación, ao longo dos 2.651,48 metros cadrados de superficie útil, o CITI dispón doutras áreas como unha sala escura para proxectos de realidade virtual, un animalario, plantas técnicas, salas de refrixeración e conxelación, cafetería e almacéns.
Versátil, singular e única na comunidade galega, tanto polo seu equipamento como pola súa configuración, é a Planta Piloto, un edificio diáfano conformando un paralelepípedo. Segundo explicaba Fernández, “nela atópanse distintas máquinas que polo seu peso, tamaño e necesidades non poden estar situadas nun laboratorio particular dun grupo de investigación”, algunhas das cales son únicas en toda Galicia, “polo que van a posibilitar levar a cabo proxectos que ata agora non se podían emprender”, engadía. A Planta Piloto, orientada á investigación aplicada e ao escalado de procesos tecnolóxicos no campo da industria alimentaria e da biotecnoloxía, segue dúas liñas de traballo principais, unha de fermentación e outra de separación e extracción de biomoléculas, completadas cun equipo de altas presións hidrostáticas, empregado na hixienización e conservación dos alimentos, e unha inxectora ou plastógrafo, empregado na transformación de materiais plásticos.

Localización estratéxica para un proxecto de moitos

A localización do CITI no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) facilita a transferencia das tecnoloxías desenvolvidas no campus de Ourense aos usuarios finais, contribuíndo a incrementar os ciclos económicos dependentes de inputs tecnolóxicos dentro do ámbito agroindustrial. “Que o CITI estea situado no Parque Tecnolóxico de Galicia é algo ideal porque as empresas mais punteiras da provincia de Ourense, e de Galicia nalgúns casos, están aí cubicadas. É un punto estratéxico”, subliña Fernández.
O CITI é o resultado dun lustro de traballo “que saíu adiante grazas ao esforzo de moitas institucións e persoas que hoxe agradecemos”, apuntaba o reitor, facendo unha referencia “moi especial” aos dous últimos vicerreitores do campus de Ourense, Andrés Mazaira, “como primeiro urdidor da trama” e Juan Francisco Gálvez, “que lle tocou escribir a novela e ser o brazo executor”.