"Biomasa: retos e oportunidades"

O uso da biomasa forestal coma fonte de enerxía é o eixe central dun seminario en Bruxelas

O profesor Enrique Valero, asistiu en representación da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 04/12/2007
O profesor da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, Enrique Valero, participou no seminario Biomasa: retos e oportunidades que se celebrou en Bruxelas do 29 ao 30 de novembro. Representando á Universidade de Vigo e como membro do Comité Consultivo de Medio Ambiente e de Bosques e Corcho da Comisión Europea, este profesor presidiu unha das sete mesas que deron contido a estas xornadas. Co relatorio Residuos forestais e da madeira para calefacción e electricidade, Enrique Valero expuxo a importancia actual de utilizar a biomasa forestal coma alternativa para solucionar o problema de falta de subministro de enerxía que ten Europa. “Temos un problema enerxético, o sistema está case colapsado, existe unha demanda maior que a oferta de enerxía, o prezo do petróleo é elevadísimo e ademais é un recurso non renovable que se está esgotando, por todo isto, estanse buscando novas fontes de enerxía dunha maneira urxente e, entre elas, a que ten un futuro prometedor é a biomasa forestal”, explicou Enrique Valero.
Neste seminario reuníronse expertos internacionais na materia das enerxías renovables co obxectivo de facer unha posta en común sobre o tema da biomasa nas oportunidades que se presentan, tanto no sector agrario como no forestal. As xornadas dividíronse nunha serie de sesións nas que se falou sobre o marco institucional no cal, os responsables de enerxía da Comisión Europea, expuxeron as perspectivas para o ano 2010 e cal é a situación xeral na que a institución está abordando os temas de enerxías alternativas. A continuación, dividiuse o seminario en mesas que trataban sobre os residuos forestais, os biocarburantes, os cultivos agrícolas e xa finalmente, as conclusións e postas en común entre os participantes.

 

Obxectivo: fomentar o uso de bioenerxías

O paso dunha economía baseada nos combustibles fósiles (petróleo) a unha economía baseada nas bioenerxías (biomasa forestal) require notables esforzos por parte da sociedade e modificará o estilo de vida das persoas. Aproveitando e desenvolvendo aínda máis o enorme potencial dos bosques europeos, estes cambios poden levarse a cabo máis eficazmente e sen alteracións radicais. Para cumprir este compromiso, a biomasa forestal debe desempeñar un papel clave e, tal como hoxe en día, seguirá proporcionando no 2020 a maior parte da enerxía renovable. O uso deste recurso natural permitirá chegar a unha situación na que todos gañan, posto que a produción de bioenerxía reduce o risco de incendios forestais e aumenta a renda dos produtores, o que permite a súa vez máis inversións na xestión forestal sostible.