Mediante un acordo suscrito entre a escola, o CIS-Madeira e as universidades estranxeiras

Alumnos da EUET Forestal poderán formarse na enxañaría da madeira en universidades de Alemaña e Austria

Dentro do programa Erasmus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 03/12/2007

A EUET Forestal asinou un acordo de cooperación co Centro de Investigación CIS–Madeira e as Universidades de Ciencias Aplicadas de Rosenheim e Salzburgo, para a formación dos alumnos en enxeñaría da madeira. O proxecto, formalizado dentro do Programa Erasmus, é froito da colaboración da Universidade de Vigo con estas institucións nacionais e internacionais dentro da Acción Cost da Comisión Europea. O profesor Carlos Baso, delegado español de esta entidade e subdirector da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal, explicou que o obxectivo “é que, de acordo co perfil de formación que desexe o estudante, se preparen módulos formativos específicos que complementen os programas das nosas escolas de enxeñaría para ser cursados durante un ano, ben en Rosenheim ou en Salzburgo”. Mentres que a primeira é a escola de enxeñaría para a industria da madeira coa maior tradición en Europa, a segunda é un dos principais referentes na construción e na arquitectura con esta materia prima.
Mediante estes intercambios, que comezarán no 2008, “o que se pretende tamén é dar a coñecer e divulgar os produtos das madeiras galegas no mercado europeo”, engadiu Carlos Baso.

Programa de intercambio

Os estudantes da Universidade de Vigo poderán especializarse, grazas a esta iniciativa, en áreas de fabricación de carpintería e moble, construción, arquitectura interior, deseño, e mercadotecnia de produtos de madeira.
Reciprocamente, os alumnos alemáns e austríacos virán a Galicia a empaparse do uso das especies de madeira dos nosos bosques cultivados. O Cis-Madeira, coas súas liñas de investigación nas diversas áreas da tecnoloxía desta materia, ofrecerá a estes mozos a posibilidade de traballar en interesantes proxectos de investigación de aplicación industrial coas especies autóctonas.
Nas reunións mantidas entre investigadores do CIS-Madeira e profesores das universidades participantes veuse tamén a posibilidade de crear, cara ao futuro, un programa interuniversitario internacional con titulacións de posgrao, no que tamén participaría a Escola Superior da Madeira da Universidade de Berna, en Suiza. “De este xeito, estaría aberta unha vía de formación científica en enxeñaría da madeira, segundo o novo esquema formativo universitario europeo”, explicou Baso.