A transferencia de coñecemento e a docencia, prioridades para o curso 2007-08

O Reitor desatacou os propósitos da Universidade no seu discurso inaugural

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Jorge Fernández DUVI 05/10/2007

Alberto Gago centrou o seu discurso de apertura no papel das universidades no desenvolvemento tecnolóxico, a través das políticas de I+D+i e da transmisión dos resultados das investigacións ao mundo empresarial. “Hai que crear coñecemento, pero sobre todo transferilo e aplicalo”, sinalaba o Reitor.
Coa aprobación o pasado mes de abril da Lei de reforma da LOU, este novo modelo de relación co tecido empresarial converteuse nunha das funcións básicas das universidades públicas, “unha nova misión para un novo século: crear, difundir e transferir coñecemento cara o mundo produtivo para que poida ser transformado en crecemento e benestar”.
Como proba desta aposta por unha investigación encamiñada ao mundo industrial, Alberto Gago lembrou algunhas das estruturas tecnolóxicas coas que a institución mantén relacións formalizadas. Un total de 16 centros, algúns en fase de desenvolvemento, como a Cidade do Mar ou Gradiant, e outros cunha longa traxectoria como o CTAG, AIMEN ou ANFACO. “A estratexia da universidade neste sentido é ben coñecida e forma parte xa da nosa cultura: queremos estar en todo e con todos”, subliñaba o Reitor.

O tempo da docencia

Para Alberto Gago este curso debe continuar o proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, “que vai a supoñer para o sistema universitario español cambios fundamentais no horizonte dos tres próximos anos”, e, con isto, a renovación do modelo docente. Fronte á concepción tradicional que disgrega o ensino da investigación, “unha separación que ten actuado como un auténtico lastre para a educación superior durante practicamente todo o século XX”, o Reitor animou aos profesores asistentes a compaxinar as dúas tarefas e pensar na docencia “como un acto creativo”.

Novidades para o campus de Ourense

Dende o salón de actos do Edificio Politécnico, Alberto Gago lembrou os propósitos desde curso para o campus de Ourense. Ademais de avanzar en materia de dotacións deportivas, a Universidade iniciará proxectos como o programa de mellora ambiental Campus Terrae e o soterramento da estrada que atravesa o campus.
Xunto a estas iniciativas, o Reitor anunciou o pulo que vai ter o I+D+i na cidade grazas á inauguración do Centro de Investigación e Transferencia (CITI), que terá lugar nos vindeiros meses, e que “vai centrar os seus obxectivos preferentes no ámbito da Ciencia e Tecnoloxía, cunha especial implicación, non exclusiva, nos temas agroalimentarios”.

Discurso do Reitor (47 kb)