A historia do presente, a historia herdada

A lección inaugural, impartida por J. de Juana, versou sobre o concepto de galeguidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/10/2007

A historia, como responsable principal da formación da identidade dos pobos, é polo tanto a base sobre a que asenta o sentimento de galeguidade. Sobre esta relación e os procesos sociais e culturais que fan xurdir as identidades xirou a lección inaugural do curso 2007-2008 impartida polo catedrático de Historia Contemporánea, Jesús de Juana.
“Un presente histórico non é, ao cabo, máis que o resultado do entrecruzamento de presentes xeracionais” subliñou, e esta mestura da historia vivida, estes conxunto de ideas, valores e compoñentes culturais asumidos pola colectividade son os que dan forma á identidade, neste caso á galeguidade. Segundo o profesor de Juana, a toma de conciencia da identidade é “o sentimento común de compartir, a experiencia íntima de pertencer a esa comunidade que é Galicia e a ese pobo que é o galego”.
Pero o catedrático de Historia Contemporánea non circunscribe este sentir de galeguidade a unha xeografía concreta. Froito da emigración en masa no pasado século, as comunidade de galegos no exterior son moitas, e non renuncian ao sentir de pobo. De feito, apuntou que “foi un dos fenómenos substanciais decisivos na galeguidade e na propia historia de Galicia”. Arredor dun millón e medio de cidadáns marcharon do país, sobre todo cara a Hispanoamérica e, na diáspora, “descubriron que tiñan un sentir especial e común, unha lingua e unha cultura igual e a partir dunha necesaria agrupación material e espiritual, descubríronse como pertencentes a un pobo e autoidentificáronse como membros deste”. A emigración non creou a distinción, pero a nivel popular explicitou este feito, “o matiz diferenciador sería crer e subliñar os sinais de identidade propios e non os fronteirizos”.
O que fora primeiro vicerreitor do campus de Ourense, destacou como factores fundamentais que influíron na conformación da identidade, o illamento dun pobo pechado tanto ao interior como ao exterior ata ben entrado o século XIX, un xeito de vida eminentemente agrario e rural, a influencia da Igrexa no devir das súas xentes ou a lingua como un dos elementos máis indiscutibles de identificación. Para de Juana, “nesta diferenciación é fundamental a historia, a gran parteira da idiosincrasia e da conciencia das pobos; a galeguidade entendida como a toma de conciencia dunha identidade colectiva é eminentemente histórica porque é unha consecuencia herdada do pasado”.

Dende as orixes do galeguismo

Na súa intervención fixo tamén un percorrido polo proceso de formación da idea de galeguismo destacando figuras imprescindibles como Manuel Murguía, a xeración Nós, Otero Pedrayo, López Cuevillas ou Vicente Risco. Pero foi a partir de 1970, cando a apertura e liberdade intelectual fixeron posible o nacemento “dunha nova xeración de historiadores que provoca un considerable auxe dos estudos nos ámbitos local e galego”. Nestes senso, de Juana destacou a importancia da universidade galega que, segundo o profesor, “ten subministrado nos últimos anos novos licenciados en Historia que superaron a tradicional limitación metodolóxica do erudito local e achegaron unha considerable produción historiográfica”.
Rematou a súa lección inaugural apuntando que “a galeguidade, máis que unha realidade espacial, é un sentimento de pertenza ao pobo galego, unha experiencia íntima é compatible de conciencia común, que non estaría asentada na Galicia territorial e física, senón que se espallaría por todos os lugares onde habitara un galego que mantivera os usos, costumes, lingua, cultura, ao cabo, propios dos galegos”.

 

A continuación achegamos a versión íntegra da lección inaugural impartida polo profesor Jesús de Juana López.

Lección Inaugural de Jesús de Juana(94.79Kb)