Un "baño de xuventude" nunha graduación atípica

Obtiveron o título 36 alumnos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Jorge Fernández DUVI 04/10/2007
“Un baño de xuventude”. Así definiu Ángela Álvarez, a alumna de máis idade da clase, o Programa para Maiores da Universidade. Tras tres anos de duro traballo para os graduados do programa intensivo, e cinco para os de especialización, os estudantes obtiveron o seu premio: unha metopa que simboliza que teñen unha titulación universitaria.
A Escola Universitaria de Estudos Empresariais acolleu o acto académico de graduación das dúas clases. Presidido polo vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, a cita contou tamén coa presenza do director da escola, Patricia Sánchez Bello, e os 36 novos egresados, 27 do primeiro ciclo e 9 do segundo.
Xunto a eles, José Fariña , o profesor encargado da lección de clausura, un relatorio sobre a evolución da antropoloxía. Dende Aristóteles a Darwin, pasando por Linneo ou Heterodoto, o docente realizou un percorrido pola historia da bioloxía humana.

Protagonistas distintos aos habituais

No lugar de pais e avós emocionados, os fillos e os netos foron os que estaban orgullosos dos egresados. Non podía ser menos, posto a obtención do título supuña para moitos unha “materia pendente dende a súa xuventude”, como afirmaba a alumna Ángela Álvarez. A representante do grupo lembraba ademais que “agora é moito máis fácil estudar para as mulleres, mentres que antes era algo impensable”. “Sen embargo, na nosa clase fomos maioría, un pequeno desquite para a discriminación doutros tempos”, sinalaba Álvarez.
O tempo libre é unha das máis importantes razóns para que os maiores tomen a decisión de anotarse no curso, como é o caso de Margarita Vázquez, que aseguraba que “unha vez xubilada non me interesaban nin as clases de cociña, pero si a cultura”. Outros, como José Cidrás Ferradás, resaltaban a dificultades con que se atoparon, “posto non nos regalaban as notas, tiñamos que facer o mesmo que os alumnos tradicionais”.
Partícipes desta cerimonia foron tamén as familias. José Benito Nogueira estivo arroupado por toda unha fileira de descendentes, un total de once. A súa filla Mati Nogueira afirmaba sentirse “avergoñada, porque o meu pai sacou unha carreira e eu non, e moi orgullosa”. Tras obter o graduado de primaria e a ESO, o titulado traballou para acadar tamén a titulación universitaria, é por isto que “viñeron os seis netos para que tomen exemplo”.