Cátedra Fundación Caixa Galicia

Debaten sobre as debilidades e amenazas do sistema educativo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 03/10/2007
A cátedra que une á Universidade coa Fundación Caixa Galicia centra esta vez a súa ollada nos cambios no sistema educativo. Baixo o título “Educación, innovación e sociedade no século XXI” desenvolverase unha xornada na que se afondarán ámbitos como os da orientación escolar, a planificación do ensino e as novidades no eido pedagóxico.
A sala de conferencias da Fundación Caixa Galicia acolle este xoves unha iniciativa estruturada nunha sesión de relatorios co propósito de analizar as principais debilidades do sistema educativo actual, baixo a coordinación do profesor Xan Bouzada e por Lois Rodríguez Andrade, Estes desafíos serán avaliados coa referencia do cambios producidos neste eido nos últimos cincuenta anos, dende a ampliación da cobertura do ensino ata as incertezas actuais, que esixen unha innovación metodolóxica.
A contextualización do proceso educativo virá da man de Mariano Fernández Anguita. Este catedrático de Socioloxía da Universidade de Salamanca , con máis de vinte proxectos de investigación nacionais e internacionais nas súas costas, afondará na “Educación nunha sociedade informacional, global e transformacional”. Pola súa banda o catedrático Jurjo Torres, da UdC, abordará a elaboración de contidos curriculares dende a perspectiva dun pedagogo, mentres que o profesor da Universidade de Castellón, Jordi Adell, tratará o papel das novas tecnoloxías no proceso educativo.

Descargar o programa (27,35 kb)