A creación dunha identidade baseada na paisaxe construída

A Casa das Artes acolle unha exposición sobre a arquitectura do campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 02/10/2007

A faceta de referente arquitectónico da Universidade de Vigo afiánzase integrando a vida universitaria nunha cidade á que xa non dá as costas. Deste vez, unha exposición sobre a identidade do campus vigués recolle a evolución deste espazo nos últimos anos.
Organizado conxuntamente co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a mostro foi inaugurada este luns na Casa das Artes, onde permanecerá aberta ata o vindeiro 4 de novembro. Baixo o título “A construción dunha identidade”, esta mostra recolle as obras que diferentes arquitectos realizaron nos últimos anos no campus de Vigo.
Segundo subliñou Celestino García Braña, decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, para valorar a realidade actual non hai que esquecer que “o campus de Vigo non naceu ben, que xa non contou coa planificación adecuada, pero isto demostra que as cousas se poden emendar”. Neste sentido destacou que a Universidade tomou conciencia da “necesidade dunha meditación seria e dun plan que confrontara pasado e presente e se proxectara cara ao futuro, o que se fixo da man de Alfonso Penela e Gabriel Santos Zas”. En referencia ao elenco de arquitectos que traballaron no deseño e urbanización do espazo, salientou tamén o acerto que representou “o invitar a arquitectos de fóra de Galicia, porque axudan a ver as cousas dun xeito diferente, con outros ollos que aportan renovación e mestizaxe”.

Unha aproximación á cidadanía

A mostra recolle, a través de maquetas e fotografías, a progresión do campus vigués dende a súa fundación como Colexio Universitario de Vigo. Segundo subliñou Guillermo Brea, director da Obra Social de Caixanova, “estamos todos obrigados a recoñecer e conectar este espazo coa cidade”. Como universidade nova e cun deseño arriscado, aínda non posúe todo o recoñecemento que cabería agardar, pero destacou que “si as universidades clásicas europeas espertan envexas, algún día tamén a nosa será unha das clásicas e provocará Oh’s! de sorpresa”.
Tamén a comisaria da exposición, Marian Leboreiro, apostou por un achegamento da arquitectura do campus á cidadanía. “O tirón das obras de Penela, Mendes da Rocha ou Noguerol trouxo consigo unha importante presenza da Universidade en publicacións especializadas internacionais pero aínda se atopa no proceso de consolidación”. Como último referente neste camiño destacou o proxecto de Campus Verde que “permitirá que a arquitectura e a natureza adquiran unha presenza que invite a empregar os espazos do campus non unicamente como lugar de saber, senón tamén para uso cidadá”. A comisaria destacou tamén o esforzo construtivo e de funcionalidade que se realizou nunha topografía accidentada, cun clima difícil e cunha planificación que se foi estendendo no tempo pero que foi capaz finalmente de poñer en valor un espazo natural moi deteriorado.
No acto, que coincidiu coa celebración do Día da Arquitectura, tamén se avogou por construcións sostibles, lema desta xornada en toda España. “Temos que desenvolver unha arquitectura que vai máis aló da estética, que se implique nos problemas ambientais derivados da destrución do territorio”, reivindicou García Braña.

Guía con catro percorridos

O acto de inauguración serviu tamén para presentar un catálogo sobre o campus coordinado polo arquitecto Xosé Carlos Rodríguez. Nesta libro propóñense catro percorridos polas áreas arqueolóxica e o ámbito humanístico, polo ámbito xurídico e a área central, polo ámbito tecnolóxico, e por último pola área central.