Por Santiago Domínguez,tenente de alcalde do Concello de Vigo

A Universiada, unha aposta de cidade

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 02/10/2007
Vigo e a súa Universidade se atopan diante dun desafío que, de acadarse, vai desenvolver un papel determinante no seu futuro. Pode soar pretencioso, pero creo sinceiramente que non o é. Sempre pensei que a peor xestión é a que non se intenta por difícil que sexa e, por iso, estou certo de que a cidade debe crer en si mesma e pular sen complexos por competir ao máximo nivel.

Con ese obxectivo hai unhas semanas o Concello oficializou formalmente a súa candidatura para acoller unha Universiada no ano 2013 ou no 2015. As cifras evidencian a importancia do que temos en xogo. Máis de 11.000 deportistas de 170 países participan nos Xogos Universitarios. É o evento deportivo que reúne a máis países, somentes superado polas Olimpiadas, e queremos que Vigo goce dese espectáculo e dos beneficios que a todos os niveis conleva este acontecemento.

A repercusión que ten unha Universiada é incuestionable. O Xogos Universitarios favorecerán, sen dúbida, a promoción internacional de Vigo e serán un elemento dinamizador tanto a nivel económico como social da cidade, ao tempo que situará á nosa Universidade nunha posición de relevancia diante do novo escenario que debuxa o Espazo Europeo de Educación Superior. É unha oportunidade única para reivindicarnos a nivel internacional, pero tamén para mellorar as nosas infraestruturas e desenvolver un proxecto vertebrador da cidade.

É un reto complexo, ben é certo, pero a cidade ten a capacidade de afrontalo con boas perspectivas. Neste camiño que vimos de iniciar o elemento determinante para acadar o éxito ao final do percorrido vai ser a unidade. Estou absolutamente convencido de que esa é a peza máis importante do proxecto que temos en marcha. Se somos quen de facer que esta sexa unha aposta de toda a cidade e conseguimos construír un proxecto común, producto da suma de esforzos e sinerxias, seremos imparables e estaremos en disposición de competir sen medos con calquera cidade do mundo.

Hai uns días constituíuse a Plataforma Cidadá Pro Universiada da que forman parte institucións, partidos políticos e organizacións sociais, empresariais e sindicais coa finalidade de apoiar á candidatura e colaborar na súa promoción. Foi esa unha xornada moi importante porque fomos capaces de amosar a forza que ten a cidade cando unimos as nosas forzas a prol dun mesmo obxectivo. Ese respaldo será un aspecto que se terá moi en conta cando o Consejo Superior de Deportes e o Consejo de Universidades teñan que decidir si Vigo é a cidade do Estado elixida para competir pola organización da Universiada.

O que empezou hai varios anos como un soño lonxano, vai agora tomando forma. Estamos xa metidos de cheo nesta carreira de fondo coa máxima ilusión e esperanzados de acadar un obxectivo que vai contribuir moi positivamente ao desenvolvemento da nosa cidade e da nosa Universidade. Neste proceso que estamos construíndo quero salientar o apoio e colaboración que en todo momento teño atopado por parte da Universidade de Vigo e especialmente o respaldo que o rector Alberto Gago ten dado a este proxecto. Si a implicación da cidadanía neste proxecto é fundamental, a participación da Universidade é clave para o éxito da candidatura de Vigo. Sen vós esta empresa sería imposible.

Estamos indo pasiño a pasiño, asegurando cada paso que hai que dar e traballando no proxecto que haberá que presentar á volta dunhas semanas para sortear o primeiro chanzo desta competición, que é superar a cidade de Murcia para ser nomeada a candidata española. Sei ben que é unha empresa complicada, pero confío plenamente nas nosas posibilidades e agardo que cando remate a proba, como ao final dunha competición deportiva, poidamos subir ao máis alto do caixón e celebralo xuntos.


Santiago Domínguez Olveira
Tenente de alcalde do Concello de Vigo