Manuel Gutiérrez Nieto, director da E.U de Fisioterapia:

“Esta é unha profesión que precisa vocación de servizo aos demais”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Lourdes Otero DUVI 01/10/2007

A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, a adecuación ao novo título de Grao e a consolidación de Recursos Humanos son os eixes claves do programa electoral do que é, dende o pasado 18 de setembro, o novo director da Escola Universitaria de Fisioterapia. Para Manuel Gutiérrez Nieto esta non é a súa primeira experiencia en tarefas directivas xa que desempeñou, con anterioridade, os cargos de subdirector e director do centro dende o ano 1995. “Ao principio foi un auténtico desafío xa que partíamos practicamente de cero e, pouco a pouco, fomos acadando cousas tan importantes para a titulación como o edificio da escola ou a superación do proceso de calidade”, apunta o director e afirma que, nesta ocasión, “a dirección é un novo reto que asumo con moita ilusión”.

Cales van ser as liñas de traballo para estes tres anos de mandato?

A adecuación ao título de Grao e a acreditación ao mesmo son os nosos obxectivos prioritarios. Debemos ter adiantado o traballo e preparados os mecanismos de actuación para acadar esta meta, é dicir, que cando as outras titulacións xa estean acreditadas non empecemos nós co proceso.


A adaptación ao EEES é un dos puntos claves do seu programa, como se vai afrontar á converxencia con Europa?

Nos xa estamos participando no plan de cursos pilotos da Universidade pero, de aquí ao 2010, temos que adaptarnos con plenitude ao título de Grao e pasar unha acreditación.

E como se vai levar a cabo ese proceso?

Primeiro temos que saber se o título de Grao vai quedar finalmente en catro anos, se é así, teremos que amoldar a nosa estrutura académica a este novo período. Isto o que suporá é unha maior carga nas estancias clínicas e un incremento de profesorado en todas as áreas.

Cales van ser as primeiras medidas a tomar dende o seu posto de dirección?

A máis inmediata vai ser de orde de funcionamento, é preciso cambiar o Plan de Ordenación Docente, xa que o actual foi aprobado polo equipo de goberno anterior e agora é necesita unha serie de modificacións. Por outra banda, tamén imos celebrar unha xunta extraordinaria para ultimar cambios nos horarios.

Como se sinte ante o reto de asumir a dirección dunha das titulacións máis demandadas da Universidade?

Estou encantado da demanda que ten Fisioterapia, da formación que ofrece o centro e das saídas laborais que teñen os nosos alumnos, moito maiores que as dos estudantes doutras escolas. Isto o que nos indica é que os nosos alumnos saen ben preparados, entre outras cousas, porque moitos deles dedícanse ao exercicio libre para o que é preciso unha boa base.

Que lle diría a un estudante que está a piques de iniciar a titulación?

Esta é unha profesión na que, o que importa, é a dedicación e a vocación de servizo aos demais. Tendo en conta que é unha actividade na que o 99% dos titulados vanse dedicar á actividade asistencial, ou tes espírito de servizo, ou vai ser moi complicado exercer. Podes ser moi bo estudante pero non serve de nada senón sabes que o teu traballo consiste en atender a persoas con problemas de saúde.