No XI Congreso sobre Actividade Física para Maiores

Pontevedra converterase en punto de referencia a nivel internacional en materia de deporte e terceira idade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Lourdes Otero DUVI 28/09/2007

A mellora da calidade de vida dos maiores e a difusión dos últimos avances científicos vinculados á práctica do exercicio. Estes aspectos serán o eixo central da XI Conferencia Internacional sobre Actividade Física, Promoción da Saúde e Envellecemento, que se desenvolverá, a partir do vindeiro 18 de outubro no campus.
Organizado pola Universidade de Vigo, en colaboración co Grupo Europeo para a Investigación da Actividade Física en Maiores (EGREPA), o congreso pretende, ademais, promover o intercambio de experiencias, investigacións e estudos relacionados coa práctica do deporte na terceira idade. O obxectivo é, como sinala o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e presidente do Congreso, José María Cancela, “crear un foro de debate, a nivel internacional, en materia de envellecemento e deporte”.
Ao longo de tres xornadas afondarase en temas tan de actualidade como a obesidade, o deterioro do sistema cardiovascular, a influencia do adestramento ou a resistencia física en persoas maiores.
No que se refire á estrutura do simposio, Cancela destacou que, xunto coas comunicacións, posters e conferencias, existe a posibilidade de participar en talleres específicos “nos que se farán prácticas relacionadas co deterioro cognitivo leve ou exercicios preventivos e terapéuticos”.
Ademais, entre as novidades, o decano subliñou as subvencións que se ofrecen “para que as persoas da terceira idade interesadas, poidan asistir a un prezo moi asequible ao congreso”.
As instalacións deportivas da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o Pazo de Congresos da cidade serán os dous escenarios onde se desenvolverá o simposio e no que participarán, ademais de profesores do centro, algúns dos mellores especialistas na materia e persoeiros como o ex-presidente da Xunta de Galicia, Fernández Albor.

Inscrición

Aínda está aberto o prazo de matrícula, os interesados poderán obter máis información e descargar o boletín de inscrición na páxina web do Congreso http://webs.uvigo.es/egrepa/spanish/index.html