Ciclo Cultura Conciencia

Anxo Carracedo aborda os segredos da Medicina Legal na Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI 26/09/2007
DUVI | Pontevedra
"CSI made in Galicia; que se pode saber a través do ADN". Este é o título baixo o cal o catedrático da USC Anxo Carracedo impartirá un relatorio na Casa das Campás de Pontevedra. O investigador, considerado como un dos principais científicos de Galicia e cunha importante proxección estatal e internacional, afondará o vindeiro 4 de outubre nas oportunidades que ofrece a medicina legal.
A identificación de falecidos a través do ADN e as variacións xenéticas de enfermidades son algúns dos temas que abordará Carracedo, quen participou en iniciativas de gran repercusión internacional como o das rapazas de Alcasser ou a identificación de vítimas do tsunami de 2004.
Ademais de dirixir o Instituto de Medicina Legal de Galicia, Carracedo conta con numerosas condecoracións como a Medalla Castelao, a Medalla de Plata de Galicia, o a Medalla ao Mérito Policial con distintivo branco ou a medalla de ouro “Terra de Xallas”.
A conferencia forma parte de Cultura Conciencia, un ciclo organizado polo Consello da Cultura Galega que percorre a comunidade co propósito de achegar á sociedade os avances en materia científica. Investigadores do nivel de Pedro Etxenique, Andreu Mas ou José Mariano Gago participarán nestas charlas nas que se abordarán eidos tan dispares como a física, a economía, a demografía ou a alimentación, e que terán lugar nas sete cidades galegas.