'Introdución aos sistemas aéreos non tripulados' será impartido por Higinio González

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo convoca unha nova edición do seu curso de drones

A formación desenvolverase do 21 ao 25 de maio

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/05/2018

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense ofrecerá do 21 ao 25 de maio unha nova edición, a segunda, do seu curso Introdución aos sistemas aéreos non tripulados. A formación arrancou ao igual que a propia escola o pasado curso e volve unha vez máis á palestra formativa da Universidade de Vigo pola elevada demanda que tivo e polos bos resultados acadados. “A tecnoloxía dos drones está moi en auxe e en continuo desenvolvemento, polo que desde a escola traballamos para facilitar a formación en sistemas aéreos non tripulados”, comenta Arno Formella, director desta Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Cun carácter presencia, con 25 horas de duración e un máximo de 20 participantes, o curso será impartido de novo en horario de mañá nas instalacións da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo por Higinio González Jorge, profesor contratado doutor da Área de Xeodesia e Teledetección da Universidade de Vigo e piloto certificado de drones dende o ano 2014. Segundo explican desde a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o docente conta con experiencia tanto a nivel de desenvolvemento como operación con diversos sistemas aéreos non tripulados, tanto de ala fixa como rotatoria, así como no relativo a subsistemas de navegación e sensores de imaxe embarcados, tanto activos como pasivos. Pertence, engaden, ao comité Aenor-CTN28 de certificación de UAS.

Teoría e práctica

Os estudantes, sinalan desde a organización, terán aos longo das sesións que se desenvolverán a oportunidade de achegarse neste curso a un nicho de mercado e de desenvolvemento profesional novo pero xa moi importante como é o dos drones. Os contidos do curso están divididos en dúas partes. Unha primeira terá un carácter principalmente teórico e constará de módulos de introdución e conceptos xerais; de enerxía, propulsión e control; de subsistemas de sistemas áreos non tripulados e de aplicacións dos sistemas aéreos non tripulados. A segunda parte terá unha faciana máis práctica e nela levaranse a cabo módulos de especificacións técnicas de sistemas aéreos non tripulados e planificación de voo fotogramétrico e procesamento de datos. Ademais, as e os participantes achegaranse nesta parte aplicada ao uso de Arduino para drones e realizarán por último unha visita de estudos ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas. 

Aínda que na súa primeira edición case a practica totalidade da case vintena de estudantes matriculados no curso eran estudantes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense, desde a organización da formación subliñan como está aberta a alumnado que teña cursado ou que estea cursando na actualidade graos de diferentes enxeñarías, desde a Forestal ou Enerxía ata Telecomunciación ou Informática. En todo caso, terán prioridade á hora da inscrición en primeiro lugar os membros da comunidade universitaria e en segundo lugar as persoas alleas á mesma que acrediten uns estudos mínimos equivalentes a segundo curso de Bacharelato.

Nesta ocasión, sinala Arno Formella, a actividade adiántase no calendario para que a súa celebración sexa coetánea á celebración do II Congreso Internacional de Drones que organiza en Ourense do 24 ao 26 de maio o Colexio Oficial de Graduados Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións e a Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación. “A escola tamén  participa nalgunha mesa deste congreso e quixemos que o alumnado do curso que vamos a impartir tamén puidera achegarse ao congreso se é do seu interese”, comenta o director da escola.