Representantes do proxecto europeo reúnense en Vigo no ecuador da iniciativa

Eurocigua identifica unha ciguatoxina do Caribe como máxima responsable da toxicidade en pescados de Canarias, Madeira e Selvagem

A Universidade está representada pola investigadora Ana Gago

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/05/2018

A identificación dun tipo de ciguatoxina do Caribe (C-CTX1) como a máxima responsable da toxicidade en pescados das illas Canarias e Selvagem e Madeira é o resultado do traballo desenvolvido desde hai case dous anos polas investigadoras e investigadores involucrados no proxecto europeo Eurocigua sobre a caracterización da ciguatera en pescados de Europa. O consumo de pescado que contén ciguatoxina (biotoxinas mariñas que estarían presentes en especies de augas tropicais ou cálidas que se alimentan de algas ou dinoflaxelados tóxicos, Gambierdiscus toxicus), é a causa da intoxicación por ciguatera, que se manifesta cunha serie de síntomas dixestivos e neurolóxicos.

A detección desde o ano 2008 nas Illas Canarias de varios brotes autóctonos de intoxicación por ciguatera, que afectaron a varias decenas de persoas, impulsou a posta en marcha do proxecto europeo Eurocigua, Risk characterization of ciguatera food poisoning in Europe, no que participan, ademais da Axencia Europea de Seguridade Alimentaria, EFSA, a Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición, Aecosan e 13 institucións científicas de España, Portugal Francia, Alemaña, Grecia e Chipre.

Responsables de Eurocigua reuníronse nas últimas horas en instalacións de Citexvi no campus vigués, na segunda xuntanza do proxecto, que acadou o seu ecuador e “polo de agora identificamos un tipo de ciguatoxina do Caribe (C-CTX1) como a máxima responsable da toxicidade en pescados das Canarias, Madeira e Illas Salvagen”, explica a docente e investigadora do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo Ana Gago. A responsable no proxecto do desenvolvemento de metodoloxías analíticas para a caracterización do risco de ciguatera mediante técnicas cromatográficas acopladas á espectrometría de masas, así como do desenvolvemento de materiais de referencia para esta caracterización, explica que neste intre “estamos a purificar materiais para a preparación de materiais de referencia, a partir de pescados contaminados das Illas Canarias”.

Importantes retos que enfrontar para protexer a saúde do consumidor

Cando restan dous anos para a súa finalización, Ana Gago considera que o proxecto, financiado cun millón de euros, avanza de xeito satisfactorio, grazas ao traballo dos grupos involucrados, así como ao apoio de colaboradores externos de USA e Xapón, coñecedores do problema nos seus propios países. “Quedan aínda importantes retos, sobre todo na identificación de análogos de ciguatoxina que se presentan en niveis baixos de concentración difíciles de identificar debido á carencia de estándares”, sinala a docente e investigadora, que incide na importancia de afondar no coñecemento deste tipo contaminantes emerxentes. “É crítico cara a protexer a saúde do consumidor e aínda son moitas as incógnitas que hai que resolver sobre o risco das toxinas de ciguatera e este proxecto contribúe de xeito importante da consecución deste obxectivo”, explica Gago.