49 universidades e escolas de moda de todo o mundo foron convidadas á súa pasarela internacional

Esdemga será de novo a única representante española na Graduate Fashion Week de Londres

Estará representada pola colección gañadora de Debut 2017

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/05/2018

49 universidades e escolas de moda de Europa, América e Asia integran a selección de participantes no International Fashion Award Show da 27 Graduate Fashion Week, o evento no que 36 universidades e escolas de moda do Reino Unido presentan en Londres as creacións dos seus novos titulados e tituladas e que se completa cunha pasarela internacional na que a Universidade de Vigo será por segundo ano consecutivo a única representante española a través dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga). “A verdade é que o elenco de escolas participantes é impresionante, polo que para nós é extraordinario estar aí”, salienta a directora de Esdemga, Lola Dopico, dun evento que congrega “nunha das capitais europeas da moda a escolas que para nós son un referente".

A The New School Parsons de Nova York, o Bunka Fashion College de Xapón, a Shih Chien University de Taiwán, a Universidade das Artes de Berlín ou os institutos Marangoni de París e Milán figuran entre os seleccionados para a competición internacional do evento que se desenvolverá entre o 3 e o 6 de xuño no Truman Brewery londinense. Evento ao que a titulación da Facultade de Belas Artes acudiu por primeira vez en 2017 despois de que o responsable da área internacional da Graduate Fashion Week e director de Educación da Accademia Costume e Moda de Roma, Adrian Roberts, coñecese o traballo do alumnado de Esdemga como integrante do xurado de Debut, do que volveu formar parte en 2017. De feito, será coa colección gañadora nesta última edición da pasarela na que os novos titulados e tituladas presentan os seus proxectos de fin de estudos, Weekend Lovers, de José Cortizo, coa que Esdemga estea representada nesta Graduate Fashion Week.

“Francamente non deixa de ser moita responsabilidade verte ao lado destas escolas internacionais, con moita experiencia detrás, que están nos grandes centros de produción da moda”, salienta Dopico dunha iniciativa á que neste 2018 acoden coa experiencia da pasada edición, na que a titulación presentou a colección Je ne sais pas de Aida Mosquera. “Para nós foi moi importante ver a colección nun contexto como este, xa que ao final estás acostumada ao nivel da túa escola, coñeces moi ben os resultados, pero vela nesta pasarela serve tamén para valorar o que estás facendo, canto che queda de percorrido”, engade Dopico, que nese senso salienta o positivo que supuxo “ver que non te sentes fóra de lugar, que nun contexto global a túa colección dialogaba con todas as demais”, así como a aprendizaxe que implica coñecer “a propia montaxe dun evento tan grande e tan internacional”.

Seleccionado para a campaña promocional

Ademais de recibir por segunda vez o convite para formar parte deste evento, a Graduate Fashion Week convidou tamén a Esdemga a tomar parte con algún dos estilismos de Cortizo nas sesións de fotos promocionais do evento, o que permitiu que un dos seus deseños fose seleccionado para a 2018 Talent of Tomorrow Campaign que, con fotografías de Damian Foxe, vén de lanzar a organización do evento. De feito, Cortizo e a Universidade de Vigo convertéronse, como sinala a Graduate Fashion Week, na primeira institución internacional seleccionada para esta campaña, que completan as creacións de estudantes de seis das institucións británicas participantes.  

“Unha grande oportunidade”

Así define o egresado José Cortizo a posibilidade de presentar neste evento a colección gañadora de Debut 2017. “A visión que Londres ten da moda caracterizase por unha mentalidade aberta, sen prexuízos, e ao mesmo tempo, a Graduate Fashion Week é unha das fontes máis importantes do mundo de novos talentos para a industria do deseño”, sinala Cortizo da que é “unha grande oportunidade para dar a coñecer o meu traballo a un público global” tendo en conta, sinala, que Weekend Lovers, non supuña “unha aposta polo mercado convencional”. Sustentada no seu interese tanto pola arquitectura como pola cultura tradicional xaponesa, Weekend Lovers é unha colección na que “horizontalidade e verticalidade” combínanse para crear volumes “a través da superposición, a repetición modular, o escalado de patróns e o plisado manual” e caracterizada tamén pola selección dos tecidos, as tinguiduras manuais ou o uso de bordados artesanais en cristal “con motivos naturalistas de inspiración xaponesa” que, como sinala o seu creador, “falan dunha linguaxe delicada e feminina nunha colección masculina de gran rotundidade nas formas”. 

Na competición internacional deste evento, que se desenvolverá o 6 de xuño, Cortizo amosará unha selección de seis dos dez estilismos que integraban o seu proxecto de fin de estudos, que realizou seguindo “criterios de importancia na patronaxe e cantidade de horas de traballo na elaboración das prendas”, na que será ademais a segunda oportunidade de amosar a súa colección para un titulado que, sinala, “despois de Debut centreime en traballar na posibilidade de desenvolver unha traxectoria profesional individual”.