Hai reservadas 120 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e 36 para o de Ourense

Extensión Universitaria abre o prazo de inscrición en Campus Camp 2018

O campamento está dirixido a fillas e fillos de PAS, PDI e estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/05/2018

Cando apenas queda un mes para o inicio das vacacións escolares no ensino infantil e primario, centos de papás e mamás comezan tamén a planificar a axenda estival dos máis cativos do fogar. Co obxectivo de favorecer a conciliación da vida profesional e familiar dos membros da comunidade universitaria, a Universidade organiza cada ano Campus Camp, un campamento estival dirixido ás fillas e fillos do seu persoal e alumnado, co que encher de diversión e aprendizaxe estes meses de verán e, ao mesmo tempo, co que achegalos á institución na que traballan os seus pais e da que, o día de mañá, tamén poderán formar parte.

Solicitudes ata o 31 de maio

As persoas interesadas en inscribir os seus fillos e/ou fillas no campamento teñen de prazo ata o vindeiro 31 de maio. Nesta ocasión ofértanse 120 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e 36 para o de Ourense. “No caso do campus de Pontevedra había que facer unha reserva previa do 3 ao 10 de maio, pero, apenas houbo inscritos, polo que, finalmente, ao igual ca en anos anteriores, os campamentos levaranse a cabo só Vigo e Ourense”, explica María Teresa Vetoret, xefa da sección de Extensión Universitaria, quen tamén explica que este ano, ao quedar deserto a adxudicación da licitación do servizo de Campus Camp do pasado mes de marzo e coa entrada en vigor do novo contrato do sector público houbo que tramitar un novo expediente en procedemento aberto simplificado o que supón pequenas variacións con respecto a anos anteriores –as prazas en Vigo reducíronse de 200 a 120 para Vigo e Pontevedra e de 60 a 36 para o de Ourense-. “É algo excepcional, a situación volverá a normalidade o vindeiro ano”, recalcan desde Extensión Universitaria.

As actividades arrancan o 22 de xuño e prolongaranse ata setembro.

O campamento está aberto a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. As actividades arrancarán o 22 de xuño, coincidindo co inicio das vacacións escolares, e prolongaranse ata o mes de setembro, quedando excluído de actividades o mes de agosto. As persoas interesadas poden inscribir os seus nenos/as dependendo das súas propias necesidades en toda a tempada ou só algunha/s quincenas, variando os prezos entre os 160 euros de xuño a setembro e os oito euros dun día solto e establecéndose diferentes descontos en función do número de irmás matriculados (agás no caso de días soltos).

En 2017 participaron preto de 180 nenas e nenos

O ano pasado participaron no Campus Camp preto de 180 nenas e nenos (138 no campus de Vigo e 39 no de Ourense), cifra lixeiramente superior a que se acadara en 2017 e as expectativas son similares para este ano. “Imaxino que este ano, ao haber menos prazas,  as persoas interesadas apurarán máis á hora de inscribirse xa queas prazas iranse adxudicando por orde de inscrición”, explica Vetoret.
A inscrición para participar no campamento debe realizarze  a través da  plataforma Culturxest.