Antía García ten a mellor marca mundial nunha proba de salvamento e socorrismo

Récord mundial e alumna do campus

Na modalidade de 100 metros remolque de manequín con aletas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI Pontevedra 16/05/2018

51 segundos, 47 centésimas. Ese é o tempo que a alumna da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Antía García lograba recentemente na final dos 100 metros remolque de manequín con aletas da primeira proba da Copa de Europa de Salvamento e Socorrismo. Unha marca, que ademais da medalla de ouro, supuña para este deportista do Club Noja Playa Dorada non só mellorar o propio récord de España que batera nesa mesma competición, senón tamén, a falta dos trámites de convalidación por parte dos organismos federativos internacionais, a mellor marca europea e mundial en categoría absoluta feminina. “A verdade é que non o cría e aínda non o teño asimilado, foi unha experiencia moi bonita”, sinala García do fito que lograba a comezos de maio nesta competición internacional que reuniu en Madrid a máis de 300 deportistas de cinco países.

Nuha modalidade consistente en 50 metros de mergullo con aletas e outros 50 nadando á vez que se remolca un manequín de 80 quilos, García Silva logrou mellorar en 15 centésimas un rexistro que ninguén batera desde 2014 e en 36 centésimas a propia marca coa que, nas probas preliminares desta competición, batera xa o anterior récord de España (00:52;43), que finalmente mellorou en preto dun segundo. “Foi un día alucinante”, apunta esta deportista e alumna do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que recoñece este fito como unha motivación engadida á hora de “afrontar todos estes meses de adestramento para o Campionato do Mundo de Salvamento e Socorrismo, que se disputa en novembro en Australia”.

Un deporte cada vez máis coñecido

Formada no Club Acuático Umia, a deportista que este ano se incorporou ao Noja Playa Dorada cántabro precisamente coa vista posta na cita de Australia, “xa que a miña idea é afrontar tanto o mundial por clubs como o mundial por seleccións”, recoñece que nadar con aletas é o aspecto que máis lle gusta dunha deporte, o salvamento e socorrismo, que combina diferentes tipos de probas nas súas tempadas de inverno, en piscina, e verán, que se desenvolven en praias combinando competicións acuáticas e en terra. “A verdade é que un deporte que cada vez vaise coñecendo máis e realmente en España hai moita xente practicándoo”, sinala dunha disciplina que, por outra banda, ten o inconveniente de non ser olímpica e da que destaca tamén o nivel en categoría feminina, na que no último Campionato de Europa, celebrado en Bélxica o pasado mes de setembro, España rematou en terceiro lugar, grazas a éxitos como a medalla de prata que García lograba na modalidade na que vén de acadar a mellor marca estatal e mundial. Récord que suma ao de 50 metros de remolque de manequín sen aletas, no que tamén ten no seu poder a mellor marca estatal.
 
“Aínda que se parecen, natación e salvamento non son o mesmo, o salvamento implica máis potencia, explosividade e forza, porque as probas non son tan longas pero precisas forza para mover o manequín”, salienta esta deportista que a pasada semana representaba á Universidade de Vigo no Campionato de España Universitario de Natación, logrando a quinta praza tanto nos 50 como nos 100 metros libres.