A iniciativa é froito dun convenio entre a Fundación Dorzán e a Universidade

Últimos días para presentarse á bolsa de investigación sobre terceira idade

Financiará con 1500 euros un traballo de alumnado ou profesorado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 16/05/2018

O día 21 de maio remata o prazo de presentación de propostas á convocatoria da bolsa de investigación da Fundación Dorzán froito dun convenio de colaboración asinado entre esta entidade sen ánimo de lucro e a Universidade de Vigo. A bolsa, que financiará un único traballo coa cantidade de 1500 euros, está dirixida ao alumnado matriculado durante o curso 2017/2018 no campus de Ourense e ao persoal docente e investigador que no momento da convocatoria se atope en situación de servizo activo na Universidade de Vigo. 

O obxectivo último da iniciativa, á que se poden presentar tanto persoas físicas como grupos de investigación, é fomentar o estudo ou investigación de técnicas ou protocolos que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e que poidan aplicarse con posterioridade noutros ámbitos. Os proxectos de investigación que se presenten a esta convocatoria deberán centrarse, preferentemente, nunha ou varias das áreas temáticas relacionadas coa xerontoloxía e ou a xeriatría, desenvolvidas no ámbito comunitario ou desde algún dispositivo pertencente á rede asistencial de atención ás persoas maiores. Na valoración dos proxectos teranse en conta factores como a experiencia da persoa solicitante, a innovación, a calidade científico-técnica e a viabilidade e aplicabilidade. 

Entre as liñas financiables están estudos sobre estereotipos, prexuízos, discriminación ou coñecementos relacionados co envellecemento e os seus procesos; deseños ou validación de instrumentos de avaliación xeriátrica ou xerontolóxica e programas de intervención dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores ou ao fomento do envellecemento activo. Outros temas de interese para esta convocatoria son a promoción de hábitos e comportamentos que contribúan a mellorar a saúde deste colectivo; innovacións tecnolóxicas que favorezan a atención da terceira idade e investigacións e programas de prevención de accidentes ou de intervención preventiva ou correctiva dirixidos a reducir a incidencia e prevalencia de enfermidades ou trastornos psicosociais frecuentes. Completan este listado de liñas financiables programas de intervención dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores con enfermidades neurodexenerativas ou dos seus coidadores, ou calquera investigación, programa de intervención ou desenvolvemento tecnolóxico que contribúa a mellorar o benestar, a saúde ou a imaxe social das persoas maiores. Os estudos deben enmarcarse en Galicia, cun ámbito preferente de actuación na provincia de Ourense.