O campus sumouse este mércores ás celebracións do 17 de maio

En homenaxe a unha mestra amante da lingua galega

Alumnado de Ciencias da Educación realizou varias dramatizacións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 16/05/2018

Unha homenaxe a unha mestra escritora e amante da lingua galega feita por futuras e futuros mestres. Así se presentou este mércores o acto co que o campus de Ourense se sumou ás celebracións co gallo do Día das Letras Galegas 2018. Alumnado de Ciencias da Educación subiu ao escenario para representar ante un centenar de escolares dramatizacións de diferentes obras da literatura infantil e intentar transmitirlles a paixón pola lingua e a cultura galegas, ao igual que o fixo no seu tempo María Victoria Moreno a través das súas obras e maxisterio.

Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, foi a encargada de dar a benvida no Edificio de Ferro ao grupo de escolares e profesorado de primeiro e segundo curso de Educación Primaria do CEIP Mestre Vide de Ourense que asistiu á actividade. Da homenaxeada, a decana destacou ás e aos presentes como “asumiu o galego como se fose o seu idioma de nacemento e como enriqueceu coas súas palabras esta lingua”. Mar García, subliñou ademais a importancia de actos como os celebrados este mércores no campus e que abren as portas da Universidade a outros colectivos de fóra “e que nos permiten aprender a todas e todos dos demais”. 

Catro dramatizacións 

A sesión, coordinada pola profesora de Ciencias da Educación Isabel Mociño e organizada co apoio da Vicerreitoría do campus, contou con catro dramatizacións doutros tantos contos infantís. Antes de comezar, a docente deulle aos rapaces e rapazas presentes algunhas pinceladas da escritora homenaxeada este curso e da súa obra literaria. Así, explicoulles como María Victoria Moreno era “unha amante do galego” que xa escribía nese idioma na época na que os avós e avoas dos escolares presentes eran nenos e nenas e cando non se estudaba galego nos colexios. Desde Mar adiante ata Leonardo e os fontaneiros, Isabel Mociño foille citando algunhas das obras da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas e destacándolle algunhas das súas características tendo en conta que María Victoria Moreno está considerada unha das precursoras da literatura infantil e xuvenil galega. 

“Trátase esta dunha pequena homenaxe na que as e os futuros mestres queren amosarvos o moito que lles gusta ensinar e o divertido que é aprender”, díxolle Isabel Mociño ás e aos escolares presentes. Para elas e eles, alumnado de Educación Primaria representou dúas pezas elaboradas ao longo do curso académico no marco da programación das materias de Lingua Galega e Música. Concretamente, as e os estudantes levaron ao escenario A casa dos gatos e Gato Guille e os monstros. As outras dúas dramatizacións foron feitas por alumnado de Educación Infantil na materia Didáctica da Lingua e a Literatura Infantil e tituláronse Onde perdeu Lúa a risa? e O coelliño branco, sendo o primeiro representado con linguaxe de signos e o segundo como teatro de sombras. Entre cada dramatización, que contaron coa participación activa das e dos escolares, deuse lectura a fragmentos da obra da homenaxeada elixidos tendo en conta a idade do público presente na sala. 

A elección destas dramatizacións entre todas as elaboradas no marco das materias implicadas nesta iniciativa, sinalou Isabel Mociño, fíxose fiando algunhas delas con algunhas das características da traxectoria vital e profesional de María Victoria Moreno. Así, apuntou, tívose en conta a súa paixón polo coidado e protección dos animais, escollendo varios contos protagonizados por animais, e pola inclusión social, escollendo unha dramatización na que se empregou a linguaxe de signos. Subliñando o esforzo feito polo alumnado universitario con estas representacións cando xa está rematado o período de docencia e se atopan na preparación dos exames, Isabel Mociño quixo dar os parabéns ás persoas que participaron nestas dramatizacións polo bo traballo feito nelas e pola súa implicación nesta celebración do Día das Letras Galegas 2018.