O torneo promovido pola Escola Xadrez Pontevedra reuniu 281 deportistas

Rubén Fernández imponse en categoría absoluta no IX PonteXadrez

Carmen Portela, tamén do EXP-UVigo, rematou segunda en sub12

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Deportes
DUVI Pontevedra 29/05/2018

Un total de 281 deportistas chegados de diferentes puntos de Galicia, Castela León e do norte de Portugal reuníronse o pasado sábado en Pontevedra con motivo da disputa do IX PonteXadrez, un torneo pertencente ao XIII Circuíto Galego de Promoción no que a nova promesa do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Rubén Fernández logrou unha meritoria vitoria en categoría absoluta. Pese a competir con xadrecistas máis experimentados, o vixente campión galego sub14 e subcampión de España sub12 deu boa conta do seu potencial na competición da máxima categoría, na que só cedeu dous empates, ante o subcampión Artai Brigas do Xadrez Laroca Nigrán, e ante a xadrecista deste mesmo club e varias veces campioa de España Mireya Represa.

Ao éxito de Fernández, o EXP-UVigo sumou o segundo posto acadado por Carmen Portela na categoría sub12, na que o trofeo foi para Sara Soares, do Xadrez Porto, rematando en terceiro lugar Xabier Pérez do Círculo Chantadino. Do mesmo xeito, tamén foron mulleres xadrecistas as grandes protagonistas nas categorías sub8 e sub14, nas que as vitorias finais foron para Sofía Valente, do Xadrez Porto, e Marta Quintás do EX Luguesa, respectivamente. Emma Cernadas do Xadrez Brétema de Noia e Javier del Valle do Xadrez Mos completaron o podio sub8, mentres que Gabriel González, tamén de Mos, e César Pérez do Universitario Ourense remataron en segundo e terceiro lugar en sub14. Iago Fernández, do Xadrez Brétema completou en sub10 a listaxe de gañadores, con José Silva do Xadrez Verín e Eduardo Cabanas do USC como segundo e terceiro, mentres que na competición absoluta Rubén Fernández estivo acompañado por Bringas e Larroca no podio dunha competición que destacou tamén polo seu carácter solidario, xa que cada participante achegaba como inscrición voluntaria un quilo de alimentos non perecedoiros, que serán doados ao Banco de Alimentos.

400 competidores en Xadrez na Rúa

Este torneo viuse precedido pola celebración, o venres 25, de Xadrez na Rúa, “un dos maiores festivais de xadrez ao aire libre en España”, como destacan desde a Escola Xadrez Pontevedra, organizadora dun evento que, na súa décimo primeira edición, reuniu na Praza de España preto de 400 rapaces e rapazas, que puideron coñecer tamén a exposición Xadrez: Estratexia pola Paz, que dá conta do labor que a EXP desenvolve no campo de refuxiados de Azraq, en Xordania.