A formación celébrase esta semana en Ciencia da Educación

Os cursos de extensión universitaria arrancan abordando a parentalidade positiva

É a primeira das seis propostas que se desenvolverán os vindeiros meses

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 05/06/2018

Este martes arrancou a programación de cursos de extensión universitaria que este curso académico se oferta desde o campus de Ourense. Fíxoo co curso Parentalidade positiva e mediación familiar, dirixido pola investigadora e profesora da Universidade de Vigo María José Vázquez e impartido do 4 ao 6 de xuño na Facultade de Ciencias da Educación. Con el iníciase unha programación formativa aberta a toda a cidadanía e composta por seis cursos de temáticas diversas, 359 prazas, unha media de 30 horas de duración e prezos que non superan os 50 euros.

Empatía e empoderamento 

O curso iniciado este martes xorde, explicou a súa responsable, cos obxectivos de ofrecer desde unha perspectiva multidisciplinar, “coñecementos teóricos e técnicos sobre o manexo da mediación nos conflitos familiares e ensinar técnicas que favorezan o exercicio das responsabilidades parentais, atendendo a particularidade das familias que se encontran nunha situación de risco psicosocial, como poden ser procesos de ruptura de parella, violencia ou conflito interparental”. A iniciativa, apuntou María José Vázquez, enmárcase na liña de traballo do grupo de investigación PS1 da Universidade de Vigo, liderado pola catedrática Francisca Fariña. Co formato de curso de extensión universitaria, detallou a directora, é a primeira vez que se aborda esta temática, ampliando así unhas xornadas sobre parentalidade positiva celebradas no primeiro cuadrimestre tamén na Facultade de Ciencias da Educación ourensá e sendo ao mesmo tempo anticipo para o III Congreso Internacional para o Estudo da Mediación e o Conflito que se celebrará o día 7 de xuño en Pontevedra. 

A programación do curso Parentalidade positiva e mediación familiar arrancou cunha intervención da propia María José Vázquez, profesora de Psicoloxía Básica de Universidade de Vigo, xunto á tamén profesora desta institución Violeta Pérez, sobre a necesidade da planificación das relacións familiares. Ao longo da súa intervención abordou coas persoas asistentes aspectos como os efectos que ten o conflito na familia tanto para proxenitores como especialmente para as e os menores, poñendo o aceno nas medidas para reducir ese conflito. Advertindo como “un alto conflito paretal pon en perigo a parentalidade positiva”, a profesora apuntou a necesidade de abordar a conflitividade tanto previa á separación de parella como a existente anteriormente. 

“Se o conflito é aberto e atacante, o neno é exposto a el e vese máis afectado”, apuntou María José Vázquez, que fixo fincapé en como “resulta de vital que o neno vexa que os conflitos parentais teñen sido resoltos de forma pacífica”. Neste senso, a profesora indicou tamén a importancia dunha "crianza de calidade" na que na resolución dos problemas non se empregue a violencia en ningunha das súas formas, evitando por exemplo unha linguaxe que non sexa saudable emocionalmente para o neno ou nena e na que se empreguen expresións como “non te quero se” ou “non es o suficientemente listo”. A empatía dos proxenitores e non a perspectiva egocéntrica ou narcisista e adestrar o empoderamento familiar, subliñou Vázquez Figueiredo, son claves para unha abordaxe positiva destes conflitos trala ruptura. 

Á intervención das investigadoras da Universidade de Vigo seguiulle este martes unha mesa sobre a violencia filioparental a cargo de Ricardo Fandiño, psicólogo clínico, e Juan Basanta, psicólogo xudicial do Xulgado de Menores de Ourense. Os programas de intervención en familias con rupturas de parellas; as técnicas de mediación familiar; a formación para saber ofrecer unha resposta axustada ás características e necesidades de cada familia; o diagnóstico de conflitos; a parentalidade positiva en medidas xudiciais en medio aberto e a teoría e a práctica da mediación familiar son outros dos temas incluídos no programa deste curso de extensión universitaria. Para abordalos, achegaranse ao campus de Ourense expertas e expertos procedentes do diferentes eidos de actuación implicados na problemática abordada, desde a investigación académica e o eido xurídico ata a psicoloxía ou a administración, estando entre as persoas convidadas a participar a presidenta da Rede de Universidades para o Estudo da Mediación e o Conflito, Leticia García.

Primeiro de seis

Tras este arranque continuará unha programación de extensión universitaria que incluirá a celebración na cidade de Ourense de dous cursos máis. Trátase de Experto en prototipado con ferramentas 4.0: proxectos robóticos, electrónicos e microinformáticos, dirixido polos profesores da Escola Superior de Enxeñaría Informática Florentino Fernández e José Ramón Méndez, e impartido no Centro de Innovación Social Dixital La Molinera, do Concello de Ourense, e de Educación da voz e do discurso. Pedagoxía para unha comunicación eficaz, dirixido por Santiago Pato e Tania Cid. Fóra da cidade de Ourense serán tres os cursos de extensión universitaria que se levarán a cabo. Son Turismo de benestar baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, dirixido por José Antonio Fraiz e Noelia Araújo, e que se celebrará en Allariz, Cuntis e A Estrada; Retos e perspectivas para a conservación do medio ambiente no século XXI, dirixido polos profesores da Facultade de Ciencias F. Javier Rodríguez Rajo e Mª Carmen Seijo, que terá lugar no Concello de Muíños, e o Curso de Medios Audiovisuais, que cada ano acolle o Concello de Celanova e que nesta ocasión levará por título A narrativa audiovisual do presente: vieiros, formatos, pantallas e conta con 60 prazas dispoñibles.