‘Actitud’ é o título da exposición colectiva en Nijmegen na que participan Ana Pérez e Brais Romero

O alumnado de Belas Artes proxéctase en Holanda con actitude

O estudante Diego Pazó participa noutra mostra en Tillburg

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 06/06/2018

Actitud, en castelán, é o título da exposición colectiva que nestas semanas pode verse no espazo Expoplu da cidade holandesa de Nijmegen e que reúne as creacións de dous estudantes da Facultade de Belas Artes, Ana Pérez Valdés e Brais Romero, xunto a obras das holandesas Danielle Lemaire e Kayleigh Smetsers e da finesa Henna Nerg. Trátase dunha das exposicións xurdidas da última edición do encontro internacional Apprentice Master, que o pasado mes de outubro reuniu en Holanda a estudantes de universidades e escolas de arte de diferentes países europeos e no que a Universidade de Vigo, a través de catro estudantes desta facultade, volveu ser a única representante española. 

Neste encontro promovido pola plataforma Kunstpodium T articuláronse unha serie de grupos de estudantes de diferentes países que traballarían conxuntamente nun proxecto expositivo baixo a coordinación dun ou un artista máis experimentado, Danielle Lemaire, no caso de Actitud, e Cindy Moorman, no caso de The I and the Other, a mostra que o pasado 31 de maio se inauguraba na propia sede de Kunstpodium T en Tillburg reunindo os traballos de Pazó, xunto aos da holandesa Jaleesa Mallee, da colombiana residente en Bruxelas Angyvir Padilla e a británica Carla Lavin. 

O resultado de cinco días de traballo conxunto

“A idea global que percorre a exposición é o concepto de fogar, unha evolución do noso punto de partida común que era a nosa actitude cara o mundo da arte e a nosa posición ou punto de vista sobre el”, explica Pérez Valdés de Actitud, nome que, explica xurdiu da proposta doutras das súas compañeiras nunha mostra para a que inicialmente se barrallara o termo attitude en inglés, “pero gustou máis a súa versión española polo xogo de palabras e o significado de act (acto ou actuar)”. Debuxos, serigrafías, instalacións, vídeo e elementos téxtiles integran unha exposición na que, recoñece, cada artista, “achegouse a este tema de maneiras moi distintas” e que é o resultado, engade Romero, dunha semana de convivencia e traballo conxunto, “de montaxe e desmontaxe constante, probando mil combinacións diferentes” co propósito de que as diferentes obras “interactuasen coas pezas dos demais”.

No caso de Pérez Valdés a “memoria e a persistencia dos recordos” foron o eixo dunha peza en vídeo e de tres debuxos realizados sobre lenzo, nos que combina a tinta co bordado e a instalación, e nos que “únense o pasado co presente”. De feito, unha das súas achegas a Actitud é unha das primeiras obras “realizadas con certa intención ou certa conciencia artística”, un lenzo de hai unha década ao que incorporaba corpos bordados e que lle serviu como punto de partida para abordar nesta mostra “a construción e deconstrución dos corpos”. Brais Romero, pola súa banda, achegou a Holanda dúas pezas de arte gráfica, “completamente abstractas, dous planos de cor”, pero xurdidas a partires de imaxes de persoas sen teito. Obras que instalou nesta exposición xunto a cartóns e páxinas de xornais, e nas que “a medida que te aproximabas ás obras podías ler homeless e intentabas relacionar as formas e construír a imaxe”. 

“Penso que foi moi construtivo intercambiar ideas, proxectos e traballar xuntos”, engade Romero do que foi unha semana de convivencia, máis aló do propio traballo no espazo expositivo, á que se engade “o propio feito de ver como funcionan outros lugares, do concepto que teñen alí dos espazos expositivos, xa que alí hai mil opcións para mover a túa obra”. “O máis interesante ao final é poder dialogar con compañeiros procedentes doutras escolas de arte europeas e ver como traballan, compartir puntos de vista, ideas e opinións”, engade Ana Pérez, que incide tamén na oportunidade que esta mostra supón "para dar a coñecer o noso traballo fóra da nosa zona de confort”.