O alumnado destes centros celebrou o xoves o remate dos seus estudos

Enxeñaría Informática e Historia din adeus a dúas novas promocións de egresadas e egresados

Trátase en total de 77 tituladas e titulados formados no campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 08/06/2018

Estes xoves o alumnado de último curso dos graos en Enxeñaría Informática, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e de Xeografía e Historia, da Facultade de Historia, celebraron os seus actos de graduación no campus de Ourense. 57 enxeñeiras e enxeñeiros informáticos e 20 historiadoras e historiadores festexaron o remate da súa formación superior acompañados por membros da comunidade universitaria, familiares e amizades. Para todos eles e elas, as autoridades académicas presentes tiveron palabras de recoñecemento polo esforzo realizado e de bos desexos para o seu futuro profesional.  

O primeiro dos actos en celebrarse foi o da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que tivo lugar no Edificio Politécnico presidido por Virxilio Rodríguez, vicerreitor en funcións do campus de Ourense, e estando como padriño de promoción o profesor do centro Manuel Vilares. “O voso papel é ser enxeñeiras e enxeñeiros informáticos e traballar para poder crear os mellores e máis grandes sistemas informáticos. Estade preparados. Seguide formándovos durante toda a vosa vida profesional”, díxolle á sexta promoción deste grao o director da escola, Francisco Javier Rodríguez. Nas súas palabras o responsable académico tamén tivo oco para falar dos retos que afronta a profesión, das boas expectativas laborais para estes egresados e egresadas e para lembrar os éxitos acadados nestes anos. “Saíde aí fóra e demostrade o que valedes e non esquezades que nesta, a vosa casa, sempre seredes benvidos”, afirmou. 

O segundo dos actos foi o da Facultade de Historia, no Edificio de Ferro. Tamén presidido por Virxilio Rodríguez, a nova promoción estivo apadriñada polos docentes do centro Susana Reboreda e Francisco Javier Pérez Rodríguez. “Hoxe, dun xeito simbólico a través deste acto que deriva dalgún equivalente a un ritual iniciático, comezades unha nova etapa. Unha vez recuperedes o ánimo, lanzarvos a ela coa resolución e optimismo que sempre vos caracterizou, loitar por aquelo no que credes. Eu sinceramente defendo que posuír coñecementos e sobre todo as ferramentas para facerse con eles reverterá en ser mellores persoas e facer un mundo mellor”, díxolle Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, ás e aos novos titulados da Facultade de Historia.